Cursos do programa I+Coopera

Esta aberto o prazo de inscrición para dúas accións formativas do programa I+Coopera que comezarán proximamente:

A xestión da innovación segundo a Norma UNE 166002:2006 impartirase desde o 1 ata o 22 de de decembro.

O ciclo da vida dun proxecto de I+D+i impartirase desde o 9 de xaneiro ata o 2 de febreiro de 2012.

Estes cursos encádranse no bloque de accións formativas específicas en materia de I+D+i que leva a cabo o proxecto I+Coopera; este proxecto ten como obxectivo impulsar as accións de investigación, de desenvolvemento tecnolóxico e de innovación no seu do sector cooperativo. É unha iniciativa da Dirección Xeral de Relacións Laborais, da Consellería de Traballo e Benestar.

Cada curso conta con 40 horas lectivas que se impartirán na súa maior parte a través de formación en liña. Contará con dúas sesións presenciais (inicio e peche do curso) que representarán 8 horas do curso. Estas sesións presencias contarán con expertos pertencentes ao Sistema Galego de Innovación. Podedes consultar os contidos do curso na web de I+Coopera.

Pódese facer a inscrición directamente sobre a páxina web (hai que crear un usuario da web e cubrir o formulario para inscribirse) ou directamente no correo info@innovacioncooperativas.com.

Tamén está aberta a inscrición para outras accións formativas englobadas neste proxecto:

Coaching e innovación. Do 06/02/2012 ao 29/02/2012
As TIC como ferramentas de soporte á innovación. Do 08/03/2012 ao 29/03/2012

Imaxe destacada: mwookie

Que é a economía social?

Como primeiro chanzo, parécenos oportuno definir varios conceptos, ás veces, interpretados de xeito difuso. Ultimamente, escoitamos falar a miúdo sobre a Economía Social, mais… a que nos referimos?

En primeiro lugar cómpre destacar que a Economía Social baséase nun modelo de economía diferenciado. Neste modelo alternativo enténdese a riqueza como a capacidade de satisfacer as necesidades humanas. Esta visión oponse ao modelo de economía máis estendido, onde a finalidade última oriéntase cara á maximización do capital e á súa acumulación. Achega, pois, un modelo contraposto que busca crear fórmulas de desenvolvemento económico máis xustas, equilibradas e harmonizadas coas necesidades e aspiracións das persoas.

Pero en que se materializa esta concepción da que parte a economía social? Pois ben, cando empregamos o termo Economía Social estamos a referirnos ao conxunto daquelas organizacións de persoas produtoras, consumidoras, aforradoras, traballadoras… que actúan baseándose neste modelo. Loxicamente, estas entidades que se crean ao redor da Economía Social apóianse nunha serie de principios como a democracia nas decisións, a igualdade de dereitos e deberes das persoas, a autonomía na xestión e, sobre todo, na importancia da persoa sobre o capital.

Neste contexto, observamos a gran contribución que achegan estes proxectos á sociedade, que hoxe encontra, en moitos casos, o seu futuro condicionado polos movementos dunha economía demasiado afastada da xente.

 
Creative Commons License http://coopmunicando.info is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.