Encontro OFF Internacional Economía e Cultura

O IV Encontro Off vaise desenvolver os días 16 e o 17 de febreiro en Santiago de Compostela. Nel, a comunidade Off dá resposta, a xeito de espello, á celebración do Encontro Internacional de Economía e Cultura que nas mesmas datas terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

Os encontros Off son unha proposta de acción directa no eido da programación cultural e a acción artística galega, que xorde de xeito colectivo integrando diferentes axentes procedentes das artes plásticas, as artes escénicas, o mundo editorial e o mundo audiovisual en Galicia.

Ao longo destas dúas xornadas estudarase a viabilidade doutras economías posibles, o uso de moedas alternativas ou a aplicación de fórmulas cooperativas no ámbito cultural. Ademais de coñecer experiencias e iniciativas doutros campos e outros contextos, dedicarase un tempo e un espazo para a presentación de proxectos, ideas, etc. aberto a todas as persoas que participen. Seguirase o encontro oficial (streaming) e ensaiarase, dunha forma lúdica, a viabilidade dun Fondo de Investimento Cooperativo.

O Encontro Off terá lugar en Baleiro, canle de produción, espazo anexo á Facultade de Filoloxía da USC. Podedes ver o programa completo e actualizado na wiki dos encontros Off.

Curso sobre cooperativismo

O próximo 28 de febreiro comeza un Curso de Formación en Cooperativismo para Estudantes e Titulados Universitarios. Este curso gratuíto enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e as asociacións de cooperativas: Agaca, Ugacota e Sinerxia.

Rematará o 25 de marzo e durará 42 h, distribuídas entre 19 h presenciais, 8 h de prácticas e 8 h de visitas e análise de experiencias reais.

A inscrición está aberta ata o 23 de febreiro de 2012 pero convén facelo canto antes xa que a admisión terá en conta, ademais do expediente académico, a orde de chegada. O número máximo de prazas será de 36 alumnos e alumnas.

Ao rematar o curso, realizarase a convocatoria pública de 3 contratos laborais dun ano de duración para a formación como técnicos no asesoramento e xestión de proxectos cooperativos. A asistencia con aproveitamento ao curso contará como mérito relevante no concurso.

Podedes ampliar a información na ficha descargable sobre o curso.

Imaxe destacada: Srbichara

Seminario sobre a contabilidade nas cooperativas

O próximos días 15 e 16 de novembro vaise desenvolver un “Seminario sobre a Contabilidade nas Sociedades Cooperativas” organizado polo Centro de Estudos Cooperativos da USC e a Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia e coa colaboración do Consello Galego de Cooperativas. A inscrición é gratuíta e pode facerse no correo cecoop@usc.es.

cubes

Imaxe: v_g

As charlas terán lugar no salón de graos de Ciencias Económicas e Empresariais e abordarán, entre outros temas, as normas contables das cooperativas, o panorama do cooperativismo galego a partir da información contable, as contas satélites da Economía Social, etc.

Podedes consultar o programa completo das xornadas: Seminario sobre a contabilidade nas sociedades cooperativas

 
Creative Commons License Encontro OFF Internacional Economía e Cultura is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.