Un 17 de abril para o espírito da Economía Social

Hoxe, 17 de abril, celébrase unha xornada de sensibilización sobre o fomento do espírito emprendedor da economía social desde a universidade estatal. A xornada está organizada conxuntamente pola Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES) e a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE).

No marco desta xornada, CEPES e CRUE asinarán un convenio para o fomento desde as universidades estatais do emprendemento en economía social. Con este acordo, preténdese que as universidades, como axentes innovadores e motor do crecemento económico do seu contorno social, impulsen a cultura e o espírito emprendedor da economía social, mediante o desenvolvemento de investigacións e a xeración de actividades ligadas ao emprendemento.

Curso sobre cooperativismo

O próximo 28 de febreiro comeza un Curso de Formación en Cooperativismo para Estudantes e Titulados Universitarios. Este curso gratuíto enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e as asociacións de cooperativas: Agaca, Ugacota e Sinerxia.

Rematará o 25 de marzo e durará 42 h, distribuídas entre 19 h presenciais, 8 h de prácticas e 8 h de visitas e análise de experiencias reais.

A inscrición está aberta ata o 23 de febreiro de 2012 pero convén facelo canto antes xa que a admisión terá en conta, ademais do expediente académico, a orde de chegada. O número máximo de prazas será de 36 alumnos e alumnas.

Ao rematar o curso, realizarase a convocatoria pública de 3 contratos laborais dun ano de duración para a formación como técnicos no asesoramento e xestión de proxectos cooperativos. A asistencia con aproveitamento ao curso contará como mérito relevante no concurso.

Podedes ampliar a información na ficha descargable sobre o curso.

Imaxe destacada: Srbichara

 
Creative Commons License Un 17 de abril para o espírito da Economía Social is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.