Anímate a emprender de xeito colectivo!

A Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Ugacota, no marco da Rede EUSUMO, vai desenvolver un obradoiro gratuíto e presencial en Vigo, para as persoas interesadas en emprender o seu propio proxecto.

A través dun obradoiro de 25 horas de duración, que se vai desenvolver do 25 ao 29 de xuño, en horario de 9 a 14 horas, amosaranse dende un punto de vista práctico as condicións e pasos que cómpre dar para emprender baixo a fórmula cooperativa. Ademais, no marco desta formación, realizarase unha visita a unha cooperativa da contorna para poder coñecer a súa experiencia.

A actividade terá lugar no Centro da Rede Eusumo na Cámara de Comercio de Vigo, na Rúa República Arxentina, 18.

Para ter máis información, podes descargar a ficha da actividade.

Se queres participar podes cubrir o formulario de inscrición seguindo esta ligazón e tamén no tel. 986 136 592 ou no correo nuria@ugacota.coop.

Curso sobre cooperativismo

O próximo 28 de febreiro comeza un Curso de Formación en Cooperativismo para Estudantes e Titulados Universitarios. Este curso gratuíto enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e as asociacións de cooperativas: Agaca, Ugacota e Sinerxia.

Rematará o 25 de marzo e durará 42 h, distribuídas entre 19 h presenciais, 8 h de prácticas e 8 h de visitas e análise de experiencias reais.

A inscrición está aberta ata o 23 de febreiro de 2012 pero convén facelo canto antes xa que a admisión terá en conta, ademais do expediente académico, a orde de chegada. O número máximo de prazas será de 36 alumnos e alumnas.

Ao rematar o curso, realizarase a convocatoria pública de 3 contratos laborais dun ano de duración para a formación como técnicos no asesoramento e xestión de proxectos cooperativos. A asistencia con aproveitamento ao curso contará como mérito relevante no concurso.

Podedes ampliar a información na ficha descargable sobre o curso.

Imaxe destacada: Srbichara

Mulleres e cooperativismo

A finais do pasado ano, editouse o número 13 da publicación anual, Mujeres y cooperativismo, promovida por COCETA (Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado).

Este número edítase nun momento social moi difícil: os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do Instituto Nacional de Estatística indican que a taxa de paro feminino subiu en 282.200 mulleres. Neste momento, a taxa de paro feminina está no 23,32% mentres que a masculina é do 22,46.

Alén destes datos tan dramáticos, outros estudos advirten que as mulleres perciben un salario inferior ao dos homes polo mesmo traballo e que sofren as consecuencias da dobre ou tripla xornada laboral, produto da falta de políticas de conciliación laboral, familiar e persoal.

Neste contexto, CuadernosMujer13 analiza a través dun amplo abano de artigos, noticias e experiencias, a realidade específica da muller e destaca os valores que a figura empresarial da cooperativa de traballo representa para o seu desenvolvemento persoal e laboral. A cooperativa de traballo axuda a diminuír a fenda de xénero nas empresas.

Entre estas contribucións, destaca a presenza da Unión Galega de Cooperativas de Traballo UGACOTA, colaborando co artigo “Formando a mulleres para crear cooperativas e acceder a cargos directivos” onde se describen as actuacións que realiza para promover o papel da muller nas cooperativas e formar mulleres emprendedoras no cooperativismo.

Cooperativismo e gastronomía

O venres 3 de febreiro arranca o II Programa Cooperativismo e Gastronomía, organizado por Ardora Formación y Servicios, S. Coop. Galega, ao abeiro do programa de actividades de fomento do cooperativismo promovido pola Consellería de Traballo e Benestar.

O Programa Cooperativismo e Gastronomía comezou no curso 2010-2011 e estase desenvolvendo en Centros Educativos e Escolas que imparten os ciclos formativos da Familia Profesional de Hostalaría. O primeiro centro participante nesta segunda edición é o IES Sanxillao, de Lugo.

Os obxectivos do programa son:

  • Difundir o cooperativismo como fórmula de autoemprego para os futuros profesionais do sector da hostalaría e restauración.

    cooperativismo e gastronomía

    Xornadas no IES Fraga do Eume

  • Dar a coñecer a estrutura da rede cooperativa na nosa comunidade autónoma: entidades, recursos e portais de referencia do cooperativismo de traballo en Galicia.
  • Divulgar experiencias de traballo cooperativo exitosas.
  • Crear unha rede de contactos entre as cooperativas de produtos alimentarios e os seus futuros potenciais clientes, asentando as bases para futuras experiencias de intercooperación.
  • Achegar dunha forma participativa aos futuros profesionais da cociña o mundo dos produtos cooperativos de Galicia para:

Facilitar o coñecemento directo da oferta existente e o valor comercial destes produtos.

Potenciar a diferenciación dos produtos e a identificación das súas principais calidades dende o punto de vista gastronómico.

Fomentar o seu uso na cociña profesional.

As actividades desenvólvense en dous bloques sucesivos e complementarios: unha xornada de fomento do cooperativismo con relatorios, paneis de experiencias e charlas coloquio, e un obradoiro composto por bodegón-exposición de produtos cooperativos e unha degustación guiada. Ademais, realizarase a presentación da exposición gráfica Camiñando cara ao cooperativismo, que realizará un percorrido itinerante por todos os centros participantes.

A cooperativa Ardora e a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado UGACOTA ocúpanse da parte formativa, mentres que as cooperativas Frugal, Equisol, Como Cabras, Milhulloa, Promundos e Máis Galicia dan a coñecer a súa experiencia e os seus produtos.

Se queredes obter máis información, podedes dirixirvos ao correo ardora@ardoraformacion.com

Imaxe destacada: CMSeter

UGACOTA oferta cursos gratuítos

Ugacota xa puxo en marcha as súas accións formativas para o período 2011-2012, dirixidas a persoas socias e asalariadas das cooperativas galegas. Aínda hai prazas dispoñibles para participar nalgúns dos cursos que darán comezo no mes de xaneiro de 2012!

A primeira quenda de cursos do contrato programa autonómico de Ugacota comezou no mes de novembro de 2011. Nesta convocatoria ofértanse 21 accións formativas  e máis de 500 plazas, nas modalidades de teleformación, formación a distancia e presencial. Comezarán en xaneiro as seguintes:

  • Márketing Operacional: Ferramenta de Futuro para o Crecemento das Vendas. Teleformación (65 h): 18 de xaneiro de 2012
  • OpenOffice 2.1 (básico). Teleformación (70 h): 18 de xaneiro de 2012
  • Xestión por Competencias. Teleformación (45 h): 18 de xaneiro de 2012
  • Comunicación Eficaz no Proceso de Negociación Empresarial. Distancia (50 h): 18 de xaneiro de 2012
  • Sistemas de Información Xeográfica Aplicado á Empresa. Presencial (35 h): 1º trimestre 2012

Para obter máis información ou inscribirte nestes cursos, podes acceder aquí.

No tocante á participación de Ugacota no Convenio estatal coa Fundación Tripartita asinado por COCETA, nesta convocatoria impartiranse 14 accións formativas; aínda hai prazas disponibles nos seguintes cursos:

  • Contratación Laboral. Teleformación. (60 h): xaneiro 2012
  • Retribucións Salariais, Cotizacións e Recadación. Teleformación (90 h): xaneiro 2012
  • Aplicacións Informáticas para Presentacións. Teleformación (30 h): xaneiro 2012
  • Sistema Operativo, Busca da Información: Internet/Intranet e Correo electrónico. Teleformación (30 h): xaneiro 2012
  • Aplicacións Informáticas de Tratamento de Textos. Teleformación (30 h): xaneiro 2012
  • Aplicacións Informáticas de Follas de Cálculo. Teleformación (50 h): xaneiro 2012
  • Marketing 2.0. Teleformación (90 h): xaneiro 2012
  • Manipulador de Alimentos. Teleformación (10 h): xaneiro 2012
  • Xestión de Sistemas de Información. A distancia (128 h): xaneiro 2012
  • Deseño de Páxinas Web. Teleformación (60 h): xaneiro 2012

Se queres realizar a inscrición nalgún destes cursos, ou recibir máis información, podes enviar unha mensaxe que inclúa os teus datos (nome e apelidos, teléfono, e-mail de contacto e nome da cooperativa) a patane@ugacota.org, ou chamar aos teléfonos 881 887 456 e 697 877 773.

Imaxe destacada: danzo08

 
Creative Commons License Anímate a emprender de xeito colectivo! is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.