Encontros para a intercooperación en Pontevedra

Os vindeiros 26 e 27 de outubro celebrarase en Pontevedra un Encontro Intercooperativo aberto a todas as cooperativas e unións de cooperativas de Galicia. O acto está organizado pola cooperativa Cidadania e a Federación de Cooperativas Sinerxia e ten como obxectivo reflexionar sobre as posibilidades de intercooperación das cooperativas galegas.

Os encontros desenvolveranse no Pazo da Cultura de Pontevedra en dúas xornadas, o venres 26 pola tarde e o sábado 27 todo o día. As persoas destinatarias preferentes das xornadas son o persoal das cooperativas con responsabilidade na xestión e na dirección e o persoal técnico das entidades cooperativas. Porén, o encontro tamén está aberto, en xeral, ás persoas ligadas ás cooperativas.

A inscricción está limitada a 20 prazas, por rigorosa orde de inscricción, aínda que poderían ser ampliadas. As persoas interesadas deben dirixirse á Federación de Cooperativas Sinerxia (986 89 65 26) ou ben ao enderezo eletrónico: sinerxia@sinerxia.org

Para máis información anexamos un documento co programa completo: Programa Encontro Intercooperacion.

As enerxías renovables na economía social

A Federación de cooperativas Sinerxia continua co seu intenso labor de construción e fortalecemento do mercado social en Galicia. Desta vez, o obxecto de debate e reflexión son as enerxías renovables na economía social e solidaria do país. Con este motivo vaise celebrar un encontro en Santiago de Compostela, o vindeiro 4 de xullo (mércores), de 17.15 a 20.30 h no Salón de Actos do Centro Sociocultural do Castiñeiriño.

Para acompañar o debate contarase coa presenza da Cooperativa Som Energía a cal exporá a súa experiencia. Aquelas persoas que desexen participar deben facer a súa inscrición antes do 1 de xullo. Para obter máis información sobre os obxectivos e contidos do encontro podedes descargar o documento enerxías_renovables que vos anexamos.

Imaxe destacada: asifthebes

Encontro sobre Seguros éticos

A federación de cooperativas SINERXIA organiza un Encontro sobre seguros éticos na economía social e solidaria en Galiza, que terá lugar o sábado 26 de maio en Compostela.

O acto decorrerá entre as 10.15 e as 13.45 h no Centro Sociocultural A Trisca (no barrio de San Pedro) e nel preténdese, por unha parte, presentar as características deste produto e, por outra, reflexionar sobre as posibilidades de creación de seguros éticos entre todas as entidades e persoas que conforman o mercado social galego.

No encontro contarase coa presenza da cooperativa catalá de servizos para a economía social ARÇ a cal explicará o papel que o desenvolvemento deste produto pode xogar na construción e afortalamento do mercado social. Para ampliar información sobre esta actividade recomendámosvos que descarguedes o Programa aquí anexo. Nel tamén se explica o procedemento de inscrición.

Curso sobre cooperativismo

O próximo 28 de febreiro comeza un Curso de Formación en Cooperativismo para Estudantes e Titulados Universitarios. Este curso gratuíto enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e as asociacións de cooperativas: Agaca, Ugacota e Sinerxia.

Rematará o 25 de marzo e durará 42 h, distribuídas entre 19 h presenciais, 8 h de prácticas e 8 h de visitas e análise de experiencias reais.

A inscrición está aberta ata o 23 de febreiro de 2012 pero convén facelo canto antes xa que a admisión terá en conta, ademais do expediente académico, a orde de chegada. O número máximo de prazas será de 36 alumnos e alumnas.

Ao rematar o curso, realizarase a convocatoria pública de 3 contratos laborais dun ano de duración para a formación como técnicos no asesoramento e xestión de proxectos cooperativos. A asistencia con aproveitamento ao curso contará como mérito relevante no concurso.

Podedes ampliar a información na ficha descargable sobre o curso.

Imaxe destacada: Srbichara

 
Creative Commons License Encontros para a intercooperación en Pontevedra is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.