Premios á Cooperación 2012

O Consello Galego de Cooperativas vén de  convocar os “Premios á Cooperación 2012”. Podedes presentarvos baixo as seguintes modalidades:

  • Premio aos valores cooperativos. Destínanse á cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos en Galicia.
  • Premio ao mellor proxecto cooperativo. Outórgase a un proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia. Terase en conta o seu carácter innovador, a intercooperación e a repercusión no contorno, entre outros valores.
  • Premio á promoción do cooperativismo. Diríxense á persoa ou entidade que destacara especialmente no fomento do cooperativismo, tanto pola súa traxectoria como por actuacións de carácter puntual.

Cada premio ten unha dotación de 6.000,00 € e a entrega de premios farase o Día do Cooperativismo, o primeiro sábado do mes de xullo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de maio de 2012. Podedes consultar as bases para o ano 2012 no DOG de 16 de abril.

Cartel gañador para o Ano Internacional do Cooperativismo

Hoxe imos mostrarvos un fermoso traballo realizado pola cooperativa valenciana Collage-no. Este proxecto gañou o 1º Premio do concurso de carteis do Ano Internacional das Cooperativas, outorgado pola Alianza Cooperativa Internacional.

Ao concurso presentáronse cooperativas de deseño e creación gráfica de todo o mundo con proxectos que expresaran os valores do movemento cooperativo no Ano Internacional.

collage-no

Cartel gañador

O deseño gañador de Collage-no non só mostra as virtudes cooperativas; tamén foi producido de forma cooperativa; cada artista deseñou unha sección diferente, utilizando diferentes técnicas nun anaco de papel dobrado en tres, sen poder ver o que a outra persoa creara. Ninguén sabía que aspecto global tería a proposta ata que se  despregou totalmente.

Esta proposta de ensamblaxe colectiva de imaxes baseouse nunha técnica chamada “cadáver exquisito”. Cada deseñador de Collage-no ilustrou un dos tres conceptos, elixindo libremente a técnica e os recursos dispoñibles: empresa, sustentabilidade e cooperación.

Podedes descargalo na páxina: 2012.coop

 

 
Creative Commons License Premios á Cooperación 2012 is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.