Xornada Técnica sobre a Lei de Cooperativas

A Dirección Xeral de Relacións Laborais, en colaboración coas entidades representativas do cooperativismo galego, organiza unha xornada de carácter técnico sobre a modificación da Lei de cooperativas de Galicia e a súa adaptación ao novo marco legal.

Enmarcada nos actos de celebración do Ano Internacional do Cooperativismo, a xornada afondará nas modificacións operadas pola nova Lei de cooperativas de Galicia (Lei 14/2011), especialmente no que atinxe á aplicación da nova normativa contable ás cooperativas e todos os cambios que implica.

A xornada será impartida por expertos no ámbito contable e xurídico e celebrarase o próximo mércores 2 de maio a partir das 9:30 horas no Salón de Actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Para coñecer o programa completo das xornadas, podedes descargar e consultar o tríptico das xornadas.

A inscrición é gratuíta e poderá efectuarse a través dos seguintes medios:

Modificación da Lei de cooperativas

No comezo deste ano, concretamente o 3 de xaneiro, publicouse no DOG (nº 2) unha modificación da Lei de cooperativas de Galicia.

A Lei 14/2011, do 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia entrará en vigor o 24 de xaneiro do 2012. Na anterior ligazón, podedes acceder aos contidos e novidades que introduce.

As asociacións do cooperativismo están elaborando unha serie de documentos que analizan e resumen a devandita Lei 14/2011. Agardamos que estean dispoñibles proximamente; entrementres, podedes opinar sobre esta modificación e as súas repercusións para o cooperativismo galego nos comentarios deste artigo.

Imaxe destacada: Plex

Que é unha cooperativa?

Como xa comentamos, as cooperativas intégranse dentro da Economía Social. Para entender o que é unha cooperativa botaremos man de dúas definicións. En primeiro lugar, imos ver que di a Alianza Cooperativa Internacional na súa Declaración sobre Identidade e Principios Cooperativos:

“Unha cooperativa é unha asociación autónoma de persoas que se unen de xeito voluntario para satisfacer as súas necesidades e aspiracións económicas, sociais e culturais en común mediante unha empresa de propiedade conxunta e de xestión democrática.”

bloques de madeira

Imaxe: Scidmail

En segundo lugar temos a declaración da antiga Lei de cooperativas de Galicia, Lei 5/1998, DOG 30 de decembro de 1998:

“A cooperativa é unha sociedade de capital variable que, con estrutura e xestión democrática, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, desenvolve unha empresa de propiedade conxunta, a través do exercicio de actividades socioeconómicas, para prestar servizos e para satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios/as, e en interese pola comunidade, mediante a participación activa deles/as, distribuíndo os resultados en función da actividade cooperativizada.”

 
Creative Commons License Xornada Técnica sobre a Lei de Cooperativas is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.