Unha película para apuntar

Dentro do 26 Festival Internacional de Cine de Mar del Plata presentouse unha proxección moi especial á que asistiron centos de obreiros de Fábricas Recuperadas de toda a Arxentina. Acudiron á estrea da película Industria Argentina do director Ricardo Díaz Iacoponi.

Industria Argentina. La fábrica es para el que la trabaja aborda unha historia ambientada na crise económica e na quebra de multitude de empresas. En ALURMAR, unha fábrica metalúrxica, os traballadores resístense a perder o seu único medio de vida.

Pouco a pouco, tomando o control da súa desesperación, os traballadores comezan a organizarse como unha cooperativa para manter en funcionamento a compañía abandonada polos donos. O protagonista, Juan, di: “O valor da fábrica non é só o edificio e as máquinas. Unha fábrica tamén son os traballadores e só eles poden facela funcionar.” E o seu compañeiro Daniel segue: “Temos o coñecemento, a experiencia e o acceso ás maquinas”.

En Arxentina, o Movemento de Fábricas Recuperadas polos Traballadores conseguiu salvar da quebra máis de 250 plantas que agora proporcionan un medio de vida para máis de 2 mil obreiros.

 Imaxe destacada: Ilco