Encontros xerenciais para cooperativas

A Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Ugacota vai celebrar un encontro de carácter práctico que tratará sobre os procesos de negociación coas entidades financeiras:

Encontros xerenciais para cooperativas
A negociación con entidades financeiras

Pazo da Cultura de Pontevedra, martes 22 de novembro de 2011

Como podemos preparar e favorecer a negociación? É posible mellorar o acceso ao financiamento? Esta información é, sen dúbida, estratéxica para a xerencia e na xestión empresarial das cooperativas.Ugacota

Neses encontros, poderemos coñecer as claves para negociar e relacionarnos con máis capacidade e solvencia coas entidades financeiras; analizaremos como pór en valor os indicadores específicos do cooperativismo e como mellorar a presentación da información relevante sobre a cooperativa para que interpreten e valoren mellor o modelo cooperativo.

En resumo, nestas xornadas poderemos acadar unha aprendizaxe que reforce o noso posicionamento no acceso ás finanzas.

A inscrición é gratuíta mais o prazo remata o día 17 no correo nuria@ugacota.org ou no 986 13 65 92. Podedes consultar o programa das xornadas: Programa Negociación Entidades Financeiras_22 Nov

A imaxe destacada que encabeza o artigo é propiedade de Patmfitz.

Coop57 no I Encontro Social Galego

O próximo sábado, 5 de novembro, vaise celebrar o I Encontro Social Galego, promovido desde a Iniciativa Cidadá Ben Común. Neste encontro, foi convidada a participar a sección territorial de Coop57 co obxectivo de visibilizar as finanzas éticas e a economía solidaria.

Coop57 é unha cooperativa de servizos que destina os seus recursos propios a dar préstamos a proxectos de economía social que promovan a ocupación, fomenten o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade en xeral. COOP57 iniciou a súa actividade en Cataluña en 1995. Posteriormente, a raíz do interese que espertou esta experiencia noutros territorios, creouse a sección COOP57, COOP57 Madrid,  COOP57 Andalucía e COOP57 Galiza (2009).

O I Encontro Social Galego desenvolverase sobre unha estrutura de debates sobre cinco eixes que debaterán en diferentes grupos de traballo; Coop57 estará no Eixe 2: Economía, facenda e cidadanía. Unha boa oportunidade para ampliar os nosos coñecementos sobre financiamento ético.

 
Creative Commons License http://coopmunicando.info is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.