Unha banca ética cooperativa internacional

O cooperativismo en xeral e as finanzas éticas en particular están de parabéns. En 2013 asistiremos ao nacemento dunha banca ética cooperativa de carácter internacional resultado da fusión de Fiare e da italiana Banca Popolare Etica.

A decisión foi tomada esta fin de semana nunha asemblea celebrada na localidade madrileña de Ribas-Vaciamadrid. A integración destes dous proxectos de finanzas éticas implica a unión dos seus respectivos capitais sociais e das súas bases sociais e operativas. Isto dará como resultado unha banca ética internacional común entre Italia e o Estado español.

En marzo de 2012, BPE contaba con 36.898 persoas asociadas e 37,6 millóns de euros de capital social, mentres que Fiare contaba con 2.879 persoas socias e 3,2 millóns de euros de capital social.

Mediante este acordo, FIARE convértese en axente exclusivo de Banca Popolare Etica, unha cooperativa de crédito que opera en Italia como banco e ofrece todo tipo de produtos e servizos baseándose nos principios de ausencia de lucro, democracia cooperativa e construción desde a base.