Reportaxe audiovisual de Coop57

O pasado mes de outubro, tivo lugar o Encontro 2011 de Coop57 en Cotxeres de Sants (Barcelona) para debater as liñas estratéxicas de futuro. Durante este encontro, a cooperativa Claraboia de produción audiovisual elaborou unha serie de reportaxes, unha por cada sección territorial, onde aparecen entrevistas a responsables e a cooperativistas que se beneficiaron dos servizos de Coop57.

Agora, Claraboia Cooperativa acaba de presentar estas reportaxes audiovisuais. A través das entrevistas que aparecen, podemos escoitar interesantes reflexións sobre os valores que representa Coop57 para a economía solidaria e sobre as oportunidades que ofrece como alternativa á banca tradicional.

Achegámosvos a reportaxe sobre a sección territorial galega mais tamén podedes visualizar as achegas das seccións territoriais de Andalucía, Aragón, Catalunya e Madrid.

 

Imaxe destacada: Ithil_luna

A Economía Social busca un lucro económico?

As entidades da economía social poden procurar un lucro económico, pero este non é o único; teñen, ademais, un fin social. O concepto de “lucro” lévanos a diferenciar dous grandes subsectores na economía social.

porquinho verde

Carloszk

Por un lado temos o subsector de mercado; son as entidades con ánimo de lucro ou que actúan no mercado. Estas entidades perseguen un beneficio económico, pero este non é o seu único obxectivo pois téñense en conta outros obxectivos sociais. A distribución de beneficios e a toma de decisións non está directamente ligada co capital achegado polas persoas, pois aparecen outras finalidades distintas das puramente económicas.

Polo tanto, son entidades que non perseguen exclusivamente a lóxica capitalista de maximización de beneficios. En moitos casos, estas entidades non perseguen un lucro no sentido máis estrito pero si o acceso a un ben ou servizo en condicións dignas. Neste subsector están as cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción…

Por outra parte, están as entidades sen ánimo de lucro ou que non perseguen un fin económico. Referímonos sobre todo ao traballo ou ás accións voluntarias que son realizadas cun ánimo solidario. De aí tamén a noción de “economía solidaria”. Neste subsector atopamos as ONG de desenvolvemento ou de acción social, as fundacións privadas, as asociacións culturais…

 
Creative Commons License Reportaxe audiovisual de Coop57 is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.