Un 17 de abril para o espírito da Economía Social

Hoxe, 17 de abril, celébrase unha xornada de sensibilización sobre o fomento do espírito emprendedor da economía social desde a universidade estatal. A xornada está organizada conxuntamente pola Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES) e a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE).

No marco desta xornada, CEPES e CRUE asinarán un convenio para o fomento desde as universidades estatais do emprendemento en economía social. Con este acordo, preténdese que as universidades, como axentes innovadores e motor do crecemento económico do seu contorno social, impulsen a cultura e o espírito emprendedor da economía social, mediante o desenvolvemento de investigacións e a xeración de actividades ligadas ao emprendemento.

Axudas 2012 de cooperativismo e economía social

Veñen de publicarse as ordes de axudas para as cooperativas e empresas de economía social de Galicia, da Consellaría de Traballo e Benestar para o ano 2012; podedes ler as ordes nas ligazóns que anexamos.

Convocadas axudas para o fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012:
Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012.

Convocadas axudas para o fomento e a consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2012:
Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para el año 2012.

Convocadas axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo para o ano 2012:
Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012.

Imaxe destacada: Irum

I Xornadas de Economía e Desenvolvemento

Os días 10 e 11 de novembro celebraranse as I Xornadas de Economía e Desenvolvemento, organizadas pola Universidade da Coruña e Fiare.

Nestas xornadas teremos a oportunidade de escoitar diferentes perspectivas sobre a Economía Social e mercados financeiros, consumo responsable, finanzas éticas, cultura libre, desenvolvemento norte-sur… que serán expostas por un amplo abano de persoas expertas. Entre outras convidadas, estará a Cooperativa de Consumo Zocamiñoca.

Terán lugar no Salón de graos da Facultade de Economía e Empresa (Campus de Elviña) da Universidade da Coruña. Podedes apuntarvos ata o 8 de novembro no correo ocv@udc.es.

Coop57 no I Encontro Social Galego

O próximo sábado, 5 de novembro, vaise celebrar o I Encontro Social Galego, promovido desde a Iniciativa Cidadá Ben Común. Neste encontro, foi convidada a participar a sección territorial de Coop57 co obxectivo de visibilizar as finanzas éticas e a economía solidaria.

Coop57 é unha cooperativa de servizos que destina os seus recursos propios a dar préstamos a proxectos de economía social que promovan a ocupación, fomenten o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade en xeral. COOP57 iniciou a súa actividade en Cataluña en 1995. Posteriormente, a raíz do interese que espertou esta experiencia noutros territorios, creouse a sección COOP57, COOP57 Madrid,  COOP57 Andalucía e COOP57 Galiza (2009).

O I Encontro Social Galego desenvolverase sobre unha estrutura de debates sobre cinco eixes que debaterán en diferentes grupos de traballo; Coop57 estará no Eixe 2: Economía, facenda e cidadanía. Unha boa oportunidade para ampliar os nosos coñecementos sobre financiamento ético.

A Economía Social busca un lucro económico?

As entidades da economía social poden procurar un lucro económico, pero este non é o único; teñen, ademais, un fin social. O concepto de “lucro” lévanos a diferenciar dous grandes subsectores na economía social.

porquinho verde

Carloszk

Por un lado temos o subsector de mercado; son as entidades con ánimo de lucro ou que actúan no mercado. Estas entidades perseguen un beneficio económico, pero este non é o seu único obxectivo pois téñense en conta outros obxectivos sociais. A distribución de beneficios e a toma de decisións non está directamente ligada co capital achegado polas persoas, pois aparecen outras finalidades distintas das puramente económicas.

Polo tanto, son entidades que non perseguen exclusivamente a lóxica capitalista de maximización de beneficios. En moitos casos, estas entidades non perseguen un lucro no sentido máis estrito pero si o acceso a un ben ou servizo en condicións dignas. Neste subsector están as cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción…

Por outra parte, están as entidades sen ánimo de lucro ou que non perseguen un fin económico. Referímonos sobre todo ao traballo ou ás accións voluntarias que son realizadas cun ánimo solidario. De aí tamén a noción de “economía solidaria”. Neste subsector atopamos as ONG de desenvolvemento ou de acción social, as fundacións privadas, as asociacións culturais…

 
Creative Commons License Un 17 de abril para o espírito da Economía Social is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.