Coñecemos a Trespés

Desta vez, imos achegarnos ao proxecto cooperativo Trespés Soc. Coop. Galega. Non é a primeira vez que falamos de Trespés xa que é a cooperativa que está por tras dun fermoso proxecto que contribuímos a difundir: En todas as mans. Imos coñecer un pouco máis este equipo multidisciplinar que elixiu o cooperativismo como fórmula empresarial para levar a cabo os seus proxectos.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

Como en non poucas ocasións a idea deste proxecto xorde en conversas informais. Cada unha das persoas integrantes do grupo promotor viña desenvolvendo a súa actividade profesional no ámbito laboral por conta allea. A través das nosas actividades profesionais detectamos carencias e oportunidades nos sectores onde estabamos a traballar. Sobre todo, percibimos un parcelamento entre os diferentes ámbitos do coñecemento que centran o noso proxecto, social, ambiental e cultural. Ao tempo, coincidiamos na vontade e necesidade de dotármonos dunha estrutura propia que nos permitira desenvolver proxectos que cubriran esas carencias das que falabamos antes.

A partir desta premisa inicial, fomos perfilando a idea até lindar as marxes dun proxecto que ten como marco a construción social, cultural e medio ambiental. Achamos que é a través da produción, a xestión e a consultaría-asesoría o mellor xeito de intervir nestes sectores.

2. A que vos dedicades?

Trespés Soc. Coop. Galega ofrece unha visión integral e multidisciplinar baseada nunha ampla experiencia nos sectores social, cultural e ambiental.

Combinamos e complementamos os diferentes ámbitos de traballo aplicando unha perspectiva cualitativa e fomentando a participación cidadá mediante metodoloxías flexíbeis a cada contexto.

Así, traballamos na consultaría e asesoría; na produción de contidos como exposicións, audiovisuais, publicacións; na dinamización e desenvolvemento local; na educación e formación; e na investigación básica e aplicada.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Facemos parte 3 persoas socias, Paulo Jablonski, licenciado e doutor en Antropoloxía, Tania Martínez, licenciada en Bioloxía e Alberte Román, licenciado en Xeografía. Esta diversidade de perfís incorpora unha visión poliédrica aos nosos proxectos.

4. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

A cooperativa ten por obxecto a prestación do traballo das persoas socias para a produción en común de bens e servizos para terceiros.

É obxecto social da nosa cooperativa ofrecer unha carta de servizos diversificada nos ámbitos do social, cultural e medio­ambiental que contribúan á mellora da sociedade. Apostamos polo espallamento dos principios e prácticas da economía social impulsando o modelo cooperativo, mediante o estímulo do auto­emprego.

En parte debido a esta motivación, levar ao plano laboral a transformación social, Trespés iniciou o procedemento para se transformar nunha cooperativa de iniciativa social sen fins lucrativos.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

Cada unha das socias da cooperativa participa en diferentes movementos sociais na medida das súas afinidades, vontades e posibilidades. Cada unha ao seu xeito estamos presentes en asociacións polo consumo responsábel, asociacionismo cultural e político. Entendemos a participación social e o ámbito cooperativo como un continuo. Levamos o activismo á cooperativa e o cooperativismo ao activismo.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

É vontade da cooperativa poder desenvolver por nós propios aqueles proxectos que achamos necesarios, en grande medida sermos unha cooperativa de iniciativa social vainos permitir avanzar nesta liña. Nesta altura, entre outros proxectos, estamos inmersos na produción dun documental centrado nos montes veciñais en mancomún, que se titula “En todas as mans”. Entendemos que o mundo do veciñal non está o suficientemente visibilizado na realidade social do país, sendo como é un elemento que caracteriza o 25 % do territorio galego. Nestes momentos estamos en fase de pre­produción, á procura de financiamento e planificando a gravación. Entre outras particularidades, “En todas as mans” é o primeiro documental galego en utilizar estratexias de  financiamento colaborativo.