Que é unha cooperativa?

Como xa comentamos, as cooperativas intégranse dentro da Economía Social. Para entender o que é unha cooperativa botaremos man de dúas definicións. En primeiro lugar, imos ver que di a Alianza Cooperativa Internacional na súa Declaración sobre Identidade e Principios Cooperativos:

“Unha cooperativa é unha asociación autónoma de persoas que se unen de xeito voluntario para satisfacer as súas necesidades e aspiracións económicas, sociais e culturais en común mediante unha empresa de propiedade conxunta e de xestión democrática.”

bloques de madeira

Imaxe: Scidmail

En segundo lugar temos a declaración da antiga Lei de cooperativas de Galicia, Lei 5/1998, DOG 30 de decembro de 1998:

“A cooperativa é unha sociedade de capital variable que, con estrutura e xestión democrática, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, desenvolve unha empresa de propiedade conxunta, a través do exercicio de actividades socioeconómicas, para prestar servizos e para satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios/as, e en interese pola comunidade, mediante a participación activa deles/as, distribuíndo os resultados en función da actividade cooperativizada.”

Que é a economía social?

Como primeiro chanzo, parécenos oportuno definir varios conceptos, ás veces, interpretados de xeito difuso. Ultimamente, escoitamos falar a miúdo sobre a Economía Social, mais… a que nos referimos?

En primeiro lugar cómpre destacar que a Economía Social baséase nun modelo de economía diferenciado. Neste modelo alternativo enténdese a riqueza como a capacidade de satisfacer as necesidades humanas. Esta visión oponse ao modelo de economía máis estendido, onde a finalidade última oriéntase cara á maximización do capital e á súa acumulación. Achega, pois, un modelo contraposto que busca crear fórmulas de desenvolvemento económico máis xustas, equilibradas e harmonizadas coas necesidades e aspiracións das persoas.

Pero en que se materializa esta concepción da que parte a economía social? Pois ben, cando empregamos o termo Economía Social estamos a referirnos ao conxunto daquelas organizacións de persoas produtoras, consumidoras, aforradoras, traballadoras… que actúan baseándose neste modelo. Loxicamente, estas entidades que se crean ao redor da Economía Social apóianse nunha serie de principios como a democracia nas decisións, a igualdade de dereitos e deberes das persoas, a autonomía na xestión e, sobre todo, na importancia da persoa sobre o capital.

Neste contexto, observamos a gran contribución que achegan estes proxectos á sociedade, que hoxe encontra, en moitos casos, o seu futuro condicionado polos movementos dunha economía demasiado afastada da xente.

 
Creative Commons License http://coopmunicando.info is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.