Cartel gañador para o Ano Internacional do Cooperativismo

Hoxe imos mostrarvos un fermoso traballo realizado pola cooperativa valenciana Collage-no. Este proxecto gañou o 1º Premio do concurso de carteis do Ano Internacional das Cooperativas, outorgado pola Alianza Cooperativa Internacional.

Ao concurso presentáronse cooperativas de deseño e creación gráfica de todo o mundo con proxectos que expresaran os valores do movemento cooperativo no Ano Internacional.

collage-no

Cartel gañador

O deseño gañador de Collage-no non só mostra as virtudes cooperativas; tamén foi producido de forma cooperativa; cada artista deseñou unha sección diferente, utilizando diferentes técnicas nun anaco de papel dobrado en tres, sen poder ver o que a outra persoa creara. Ninguén sabía que aspecto global tería a proposta ata que se  despregou totalmente.

Esta proposta de ensamblaxe colectiva de imaxes baseouse nunha técnica chamada “cadáver exquisito”. Cada deseñador de Collage-no ilustrou un dos tres conceptos, elixindo libremente a técnica e os recursos dispoñibles: empresa, sustentabilidade e cooperación.

Podedes descargalo na páxina: 2012.coop

 

A web de COCETA para o Ano Internacional do cooperativismo

COCETA (a Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado) acaba de poñer en marcha unha web das cooperativas de traballo con motivo do Ano Internacional do Cooperativismo das Nacións Unidas, 2012: www.spain2012.coop.

Como xa anunciamos hai uns meses, 2012 é un ano para celebrar o cooperativismo. Co fío da mensaxe do Ano Internacional do Cooperativismo das Nacións Unidas, “As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor” estanse a desenvolver actividades de promoción, difusión e celebración do movemento cooperativo en todo o mundo.

Pois ben, todas estas actividades e eventos que se están a desenvolver tanto no ámbito estatal como en todo o mundo pódense ver na web desenvolvida por COCETA.

Nesta páxina podedes acceder aos sitios web temáticos e autonómicos sobre o Ano Internacional das Cooperativas 2012 e consultar unha visión xeral dos beneficios do cooperativismo para a sociedade. Na páxina inicial, podedes empregar a axenda para compartir con todo o mundo os eventos e actividades do cooperativismo no ano 2012. Ademais, está dispoñible unha serie de vídeos sobre cooperativismo e xogos interactivos para entreterse e, á vez aprender sobre o traballo en cooperativas.

Novas tecnoloxías e cooperativismo

Nas próximas semanas vaise desenvolver o seminario As novas tecnoloxías e cooperativismo: ferramentas que facilitan a súa aplicación.

Esta iniciativa da Rede Eusumo pretende mostrar unha visión xeral das ferramentas e servizos que poden facilitar a aplicación das novas tecnoloxías no cooperativismo.
Por outra parte, tamén se facilitará unha visión introdutoria ás aplicacións que permitan unha mellora da organización e as vantaxes de ter un espazo propio na rede.

Datas e lugares de realización:

  • 19 de marzo de 2012. Centro de Desenvolvemento Cooperativo Transfronteirizo de Verín
  • 21 de marzo de 2012. Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Lugo
  • 22 de marzo de 2012. Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Narón
  • 23 de marzo de 2012. Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Razamonde

Para realizar a inscrición, podedes chamar aos teléfonos 986 020 899 ou 678 759 079 ou enviar un correo electrónico a teresa.rivas@ardoraformacion.com

Imaxe destacada: Ilco

Curso sobre cooperativismo

O próximo 28 de febreiro comeza un Curso de Formación en Cooperativismo para Estudantes e Titulados Universitarios. Este curso gratuíto enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e as asociacións de cooperativas: Agaca, Ugacota e Sinerxia.

Rematará o 25 de marzo e durará 42 h, distribuídas entre 19 h presenciais, 8 h de prácticas e 8 h de visitas e análise de experiencias reais.

A inscrición está aberta ata o 23 de febreiro de 2012 pero convén facelo canto antes xa que a admisión terá en conta, ademais do expediente académico, a orde de chegada. O número máximo de prazas será de 36 alumnos e alumnas.

Ao rematar o curso, realizarase a convocatoria pública de 3 contratos laborais dun ano de duración para a formación como técnicos no asesoramento e xestión de proxectos cooperativos. A asistencia con aproveitamento ao curso contará como mérito relevante no concurso.

Podedes ampliar a información na ficha descargable sobre o curso.

Imaxe destacada: Srbichara

Mulleres e cooperativismo

A finais do pasado ano, editouse o número 13 da publicación anual, Mujeres y cooperativismo, promovida por COCETA (Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado).

Este número edítase nun momento social moi difícil: os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do Instituto Nacional de Estatística indican que a taxa de paro feminino subiu en 282.200 mulleres. Neste momento, a taxa de paro feminina está no 23,32% mentres que a masculina é do 22,46.

Alén destes datos tan dramáticos, outros estudos advirten que as mulleres perciben un salario inferior ao dos homes polo mesmo traballo e que sofren as consecuencias da dobre ou tripla xornada laboral, produto da falta de políticas de conciliación laboral, familiar e persoal.

Neste contexto, CuadernosMujer13 analiza a través dun amplo abano de artigos, noticias e experiencias, a realidade específica da muller e destaca os valores que a figura empresarial da cooperativa de traballo representa para o seu desenvolvemento persoal e laboral. A cooperativa de traballo axuda a diminuír a fenda de xénero nas empresas.

Entre estas contribucións, destaca a presenza da Unión Galega de Cooperativas de Traballo UGACOTA, colaborando co artigo “Formando a mulleres para crear cooperativas e acceder a cargos directivos” onde se describen as actuacións que realiza para promover o papel da muller nas cooperativas e formar mulleres emprendedoras no cooperativismo.

 
Creative Commons License Cartel gañador para o Ano Internacional do Cooperativismo is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.