Encontro internacional e Mostra de cooperativismo

No marco do “Ano internacional das cooperativas 2012″, o Consello Galego de Cooperativas organiza os próximos días 5 e 6 de xullo o Encontro Internacional sobre cooperativismo. Terá lugar no Pazo de Congresos e exposicións de Santiago de Compostela. Neses dous días teremos a oportunidade de coñecer cooperativas de distintos países e escoitar distintas personalidades do ámbito cooperativo.

Por  outra parte, de xeito paralelo desenvolverase unha Mostra cooperativa na que numerosas cooperativas terán a oportunidade de dar a coñecer os seus produtos e servizos a través dos stands dispoñibles.

O sábado 7 de xullo, celebrarase, como cada ano, o Día do cooperativismo galego; ese día farase entrega dos premios do Consello Galego de Cooperativas aos centros de ensino e ás cooperativas. Este ano as cooperativas de traballo premiadas son: Sonaxe (premio aos valores cooperativos) e Máis Galicia e Nova Aseconia (comparte o premio ao mellor proxecto).

Podedes consultar o programa na web cooperativas2012.

A asistencia ao Encontro Internacional Cooperativo é gratuíta; se tes interese en asistir podes inscribirte enchendo o formulario a través da ficha de inscrición. Tamén te podes inscribir chamando ao teléfono 981 569 040 ou enviando unha mensaxe a info@cooperativas2012.coop.

Como vedes, é unha excelente oportunidade para coñecer e compartir experiencias no cooperativismo galego e internacional así que agardamos a vosa presenza!

Premios á Cooperación 2012

O Consello Galego de Cooperativas vén de  convocar os “Premios á Cooperación 2012”. Podedes presentarvos baixo as seguintes modalidades:

  • Premio aos valores cooperativos. Destínanse á cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos en Galicia.
  • Premio ao mellor proxecto cooperativo. Outórgase a un proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia. Terase en conta o seu carácter innovador, a intercooperación e a repercusión no contorno, entre outros valores.
  • Premio á promoción do cooperativismo. Diríxense á persoa ou entidade que destacara especialmente no fomento do cooperativismo, tanto pola súa traxectoria como por actuacións de carácter puntual.

Cada premio ten unha dotación de 6.000,00 € e a entrega de premios farase o Día do Cooperativismo, o primeiro sábado do mes de xullo.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de maio de 2012. Podedes consultar as bases para o ano 2012 no DOG de 16 de abril.

 
Creative Commons License Encontro internacional e Mostra de cooperativismo is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.