Os Bolechas van á cooperativa

Os Bolechas van a Panxea

Aínda que non é unha nova recente, merece un espazo no noso blogue o libro-cómic Os Bolechas van á cooperativa de Pepe Carreiro. Como xa saberedes, Pepe Carreiro é o autor e creador dos Bolechas,  a serie de contos infantís posiblemente de maior éxito entre pequenos e pequenas.

O libro Os Bolechas van á cooperativa realizouse en colaboración con Panxea con ocasión do seu XVI aniversario. Como xa vos comentamos nalgún outro artigo, Panxea é unha cooperativa de consumo sen ánimo de lucro, que ten por obxectivo principal difundir e promover o Comercio Xusto así como a agricultura ecolóxica en Galicia.

Para adquirilo, podedes ir a Panxea, na Rúa da Rosa 36, en Santiago. Mais, se estades en Vigo ou en Lugo tamén está dispoñible en Árbore e na Cova da Terra, respectivamente.

 

Un mercado para consumir mellor

Para consumir sen nos consumir. Baixo este lema, sete colectivos proporannos ideas prácticas para un consumo máis consciente o próximo xoves, 22. Os colectivos A Gentalha do Pichel, ADEGA, Amarante, Equisol, a Federación Ecoloxista Galega, Panxea e Verdegaia, levan á Praza do Toural (Compostela) ideas prácticas para un consumo responsable.

Nesta campaña, os colectivos promotores fan un chamamento á responsabilidade diante do consumismo e as necesidades artificiais que se poñen de manifesto nestas datas. Por iso, neste mercado, non só poderemos facer compras, tamén nos achegaremos a outro xeito de consumir que respecte as persoas e o medio.

Ao longo desta xornada, a partir das 12 h, poderemos aprender a facer xoguetes con materiais de refugallo, perfumería e cosméticos naturais… Tamén haberá  unha xornada de troco, mostra de produtos e degustación de comercio xusto e moita información sobre a pegada ecolóxica e social dos nosos hábitos de consumo… Ademais, quen se achegue até o Toural tamén coñecerá o labor de movementos alternativos integrados por cooperativas vinculadas ao comercio xusto ou á agricultura ecolóxica.

Xornadas de Consumo Cooperativo

A Cooperativa de Consumo Salgueiriños de Consumo está a realizar unhas Xornadas de Consumo Cooperativo desde o pasado mes de novembro até o próximo mes de marzo.

O pasado venres tivemos a oportunidade de asistir a unha mesa redonda: Cooperativismo de consumo. Obxectivos, realidades e experiencias en Galicia, con representantes das cooperativas de consumo Eirado, Panxea, Árbore e Salgueiriños de Consumo. Mais aínda quedan varias citas moi interesantes:

Venres, 20 de xaneiro. 20:00

Mesa Redonda: A Banca ética. Outro xeito de xestionar os nosos cartos. Con representantes de Coop57, Fiare Galiza e Triodos Bank. Tres opcións distintas de xestionar os nosos cartos fóra da banca tradicional: unha cooperativa de crédito, unha asociación e un banco ético

Venres 10 de febreiro. 20:00

Mesa redonda: Por un comercio xusto no Norte e no Sur con Amarante-Setem e Sindicato Labrego Galego. Un achegamento á realidade do comercio alimentario industrial e a conceptos como soberanía alimentar, comercio xusto, agroecoloxía…

Sábado, 10 de marzo. 18:00

Cine-Forum. “O pesadelo de Darwin”. Este documental aborda os efectos sociais e ambientais no Lago Vitoria de Tanzania provocados pela industria de pesca con destino ao mercado europeo.

Unha boa maneira de comezar o ano!

Imaxe destacada: Leocub

Curso Economía Alternativa e Solidaria

Nos próximos días, vai ter lugar un encontro interesante para todas as persoas interesadas na Economía Social. O I Curso de cartel formacionEconomía Alternativa e Solidaria: Realidades e Proxectos vaise celebrar os días 11 a 13 de novembro na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, organizado pola USC e por Panxea. A asociación para o comercio xusto e solidario Panxea cumpre 16 anos de traballo no eido do comercio xusto, o consumo responsable e a economía alternativa e solidaria en xeral. Parabéns!

Como podedes ver, no seu programa prevese a presenza de persoas e organizacións de referencia en temas como as finanzas éticas, o comercio xusto, o consumo responsable, o cooperativismo, a agroecoloxía ou a pesca sostible, o software libre…

O prazo de inscrición está aberto ata o próximo día 9 de novembro.

 

 
Creative Commons License Os Bolechas van á cooperativa is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.