FAQ en COCETA

Desde a páxina web de COCETA veñen de lanzar un FAQ (Frequently asked questions) sobre a nova normativa contable para as cooperativas. A través deste FAQ podedes, dunha maneira rápida e sinxela, expoñer todas as preguntas e dúbidas que teñades ao respecto.

Pódese acceder ao FAQ na sección e consultar as dúbidas que xa se formularon alí mais tamén é posible presentar as cuestións enviando un correo directamente: info@coceta.coop.

A web de COCETA para o Ano Internacional do cooperativismo

COCETA (a Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado) acaba de poñer en marcha unha web das cooperativas de traballo con motivo do Ano Internacional do Cooperativismo das Nacións Unidas, 2012: www.spain2012.coop.

Como xa anunciamos hai uns meses, 2012 é un ano para celebrar o cooperativismo. Co fío da mensaxe do Ano Internacional do Cooperativismo das Nacións Unidas, “As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor” estanse a desenvolver actividades de promoción, difusión e celebración do movemento cooperativo en todo o mundo.

Pois ben, todas estas actividades e eventos que se están a desenvolver tanto no ámbito estatal como en todo o mundo pódense ver na web desenvolvida por COCETA.

Nesta páxina podedes acceder aos sitios web temáticos e autonómicos sobre o Ano Internacional das Cooperativas 2012 e consultar unha visión xeral dos beneficios do cooperativismo para a sociedade. Na páxina inicial, podedes empregar a axenda para compartir con todo o mundo os eventos e actividades do cooperativismo no ano 2012. Ademais, está dispoñible unha serie de vídeos sobre cooperativismo e xogos interactivos para entreterse e, á vez aprender sobre o traballo en cooperativas.

Mulleres e cooperativismo

A finais do pasado ano, editouse o número 13 da publicación anual, Mujeres y cooperativismo, promovida por COCETA (Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado).

Este número edítase nun momento social moi difícil: os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do Instituto Nacional de Estatística indican que a taxa de paro feminino subiu en 282.200 mulleres. Neste momento, a taxa de paro feminina está no 23,32% mentres que a masculina é do 22,46.

Alén destes datos tan dramáticos, outros estudos advirten que as mulleres perciben un salario inferior ao dos homes polo mesmo traballo e que sofren as consecuencias da dobre ou tripla xornada laboral, produto da falta de políticas de conciliación laboral, familiar e persoal.

Neste contexto, CuadernosMujer13 analiza a través dun amplo abano de artigos, noticias e experiencias, a realidade específica da muller e destaca os valores que a figura empresarial da cooperativa de traballo representa para o seu desenvolvemento persoal e laboral. A cooperativa de traballo axuda a diminuír a fenda de xénero nas empresas.

Entre estas contribucións, destaca a presenza da Unión Galega de Cooperativas de Traballo UGACOTA, colaborando co artigo “Formando a mulleres para crear cooperativas e acceder a cargos directivos” onde se describen as actuacións que realiza para promover o papel da muller nas cooperativas e formar mulleres emprendedoras no cooperativismo.

Nova presidencia en CICOPA

O mércores 16 de novembro, elixiuse o novo presidente do Comité Internacional das Cooperativas de Produción (CICOPA) na cidade mexicana de Cancún. Manuel Mariscal, o candidato presentado por COCETA (Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado), foi elixido neste evento por unha ampla maioría.

A día de hoxe, CICOPA agrupa 57 organizacións de 39 países, que representan máis de 1.400.000 persoas asociadas a algunha cooperativa de traballo. Por outra parte, COCETA agrupa confederadamente a 17 organizacións territoriais autonómicas.

Manuel Mariscal é na actualidade o presidente da organización confederada de Andalucía (FAECTA), o vicepresidente de COCETA e o vicepresidente de CECOP-CICOPA-Europe.

tellado

Trnghosh

Mariscal destacou que “será un presidente que espera contar co apoio de todas e cada unha das organizacións, desde as máis fortes ata as máis débiles”. Tamén apuntou a necesidade de colaboración entre todos os responsables de rexión co obxectivo de pór en alza o valor traballo como elemento fundamental de futuro e que, xunto coa responsabilidade social, conforman as características esenciais das cooperativas de traballo.

Igualmente, destacou a grande importancia que ten nestes momentos o emprego, xa que é un ben escaso en todas as sociedades. Por todo isto, resulta prioritario que as cooperativas de traballo visibilicen a súa forma de facer empresa, con métodos democráticos, participativos e xeradores de cohesión social e territorial.

As cooperativas resisten mellor a crise

Un informe de ámbito internacional elaborado por CICOPA vén de poñer de manifesto unha vez máis que as cooperativas resisten mellor a crise en termos de emprego e sustentabilidade empresarial. 

En grandes liñas e con carácter xeral, o informe afirma que a situación económica global das cooperativas (no que atinxe ás vendas e á produción), despois dun período de estancamento, semella iniciar novos vieiros de recuperación.

pages and books

Imaxe: Forwardcom

 

Por outra parte, en países de forte implantación cooperativa (Italia, España, Francia) a perda de emprego cooperativo ten un impacto máis feble en comparación coas empresas convencionais. Resulta especialmente importante o dato achegado por COCETA, segundo o cal no ano 2010 o emprego aumentou nun 0,2% entre as súas cooperativas de traballo asociado. Pode parecernos un aumento insignificante, pero trátase dun dato que debe ser lido á luz dos espectaculares datos de destrución de emprego nas empresas convencionais de moitos sectores económicos.

Ademais, o informe reflicto que o peche de cooperativas está máis estendido nos países de Europa Central e do Leste ao contrario do que acontece nos países de Europa Occidental de forte implantación cooperativa.

Un dos elementos desfavorables do informe radica no acceso aos recursos financeiros e nos problemas de débeda. O informe constata actitudes desfavorables dos bancos e das caixas e de condicións de acceso restritivas cando se solicitan créditos e préstamos. Neste sentido, as cooperativas mesmo terían máis dificultades que as empresas convencionais.

Podes consultar o informe completo no apartado “Destacados” da páxina do Observatorio Español da Economía Social.

 
Creative Commons License FAQ en COCETA is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.