Xesforesta, un novo proxecto cooperativo

Iniciamos esta quenda de entrevistas ás cooperativas de recente creación coñecendo a Xesforesta S. Coop. Galega, un novo proxecto no ámbito da enxeñaría forestal e ambiental ao que lle desexamos moita sorte neste camiño que inicia.

1.  Cando e como nace o voso proxecto empresarial?

Aínda que a cada un de nós, por separado, xa nos roldaba a idea do autoemprego pola cabeza, foi en novembro de 2011 cando decidimos poñer en común este proxecto empresarial.

Todos/as nós temos a certeza de que a nosa comunidade autónoma ten moito potencial forestal e ambiental e cremos que existe outro xeito de xestionar os recursos; de forma responsable e involucrando a poboación na toma de decisións.

2. A que vos dedicades?

De xeito simplificado, podemos dividir os nosos servizos en tres bloques: enxeñaría forestal, enxeñaría ambiental e formación nestes eidos. Máis polo miúdo:

Enxeñaría forestal: proxectos de silvicultura, repoboacións e infraestruturas; trámites e xestións; defensa da propiedade (deslindes, amolloamentos, correccións e estudos catastrais, valoracións); xestión integral de comunidades de montes veciñais en man común; control de calidade.

Enxeñaría ambiental: silvicultura preventiva; restauración hidrolóxico-forestal; plans de defensa contra incendios forestais; estudos de impacto ambiental; elaboración de programas de manexo de áreas naturais protexidas; aproveitamentos do monte (landras, cogomelos, biomasa, silvopastoreo, plantas aromáticas e medicinais…).

Actividades de formación: interpretación ambiental-patrimonio; elaboración de publicacións; edición de material divulgativo; formación e sensibilización ambiental.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

As tres persoas socias traballadoras son: Carolina García López, enxeñeira técnica forestal; David Chapela Rodríguez, enxeñeiro de montes; e Anxos Riveiro Olveira, técnica en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos e técnica en produción acuícola.

4. Cales son a filosofía e os valores da vosa cooperativa?

A nosa filosofía consiste en contribuír ao benestar social das comarcas de Muros, Noia, Barbanza e o Sar, coa premisa máxima da mellora continua da xestión forestal sostible e da multifuncionalidade para acadar un status organizativo e especializado en servizos forestais, ambientais e formativos no ámbito galego.

Os nosos valores baséanse na eficacia, a través dun equipo profesional capacitado para dar respostas de calidade aos servizos; no compromiso coa xestión forestal sostible, a multifuncionalidade e a mellora continua dos servizos; na conduta social e responsable coidando o benestar con vista ao futuro das xeracións vindeiras; na innovación continua dos modelos de xestión e implicación coas novidades do sector forestal; e no desenvolvemento local e arraigamento social, promovendo os produtos, usos e costumes da nosa contorna de traballo.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

Malia que acabamos de comezar a nosa andaina como cooperativa e á falta de elaborar o Plan de responsabilidade social empresarial, non é algo novo para nós o de contribuír dalgún xeito a mellorar a nosa contorna. De feito participamos dende hai uns anos de forma activa e altruísta na comunidade de montes da parroquia onde temos o domicilio social da cooperativa. Ademais de estar inmersos noutras asociacións de diferente índole.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Queremos chegar a ser unha cooperativa de referencia no sector forestal e medioambiental de Galicia, poñendo en práctica proxectos de innovación para unha xestión responsable, dinamizando as comunidades de montes veciñais en man común e sendo unha fonte formativa e informativa para todos os axentes involucrados no medio rural.

emprender.coop

Altekio, S. Coop. Mad. e Andaira S. Coop. Mad. acaban de presentar a web emprender.coop.

Esta web é unha ferramenta educativa para apoiar a difusión e a aprendizaxe no ámbito do emprendemento empresarial, con especial atención ao cooperativismo. Estas dúas cooperativas promoven a fórmula do autoemprego colectivo como alternativa á situación de desemprego e á precariedade do contexto actual, cunhas taxas de paro superiores ao 43,5%, para a mocidade. Fronte a isto, propoñen un modelo produtivo inspirado na igualdade, a democracia, o apoio mutuo e o emprego de calidade, representado polo cooperativismo. Un paso máis para xerar un modelo produtivo máis xusto.

Na páxina existen 4 bloques temáticos, cada un deles composto por unha parte teórica e outra de actividades didácticas multimedia especialmente dirixidas a apoiar o labor do profesorado de FOL no traballo sobre emprendemento, autoemprego e a posta en marcha de cooperativas. Estes catro bloques temáticos son:

O meu proxecto laboral

Preparándome para emprender

Cooperativismo

Creando a miña propia cooperativa

Ademais, na sección COOPEDIA, podemos acceder de forma rápida a conceptos clave clasificados por temáticas.

Esta iniciativa encádrase nun proxecto que desenvolve talleres de fomento do emprendemento e cooperativismo dirixidos ao alumnado de ciclos formativos da Comunidade de Madrid.

 
Creative Commons License Xesforesta, un novo proxecto cooperativo is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.