Aurora de Buxán

Retomamos a serie de entrevistas a cooperativas de creación recente coñecendo o proxecto de Aurora de Buxán. Se ben, como nos contan as persoas socias desta cooperativa, o xerme do proxecto naceu hai xa uns anos, constituíronse no ano 2011. Desexámoslle un longo e venturoso camiño á iniciativa que nos amosan e propoñen nesta interesante entrevista.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

Aínda que o “nacemento” de Aurora de Buxán S. Coop. Galega, tal e como pon no rexistro oficial de cooperativas, é o día 6 de maio do 2011, o proxecto “Aurora dos Camiños” ninguén sabe con certeza onde, cando nin por quen foi concibido. Deixando á marxe a hipótese de varias xéneses espontáneas e simultáneas no interior de moitas persoas de diversas procedencias, o que si aseguramos é que a xestación e maduración desta Aurora tivo lugar ao longo de varios anos, concretamente desde o 2005, nunha aldea case abandonada de nome Foncebadón, que se atopa nunha das cotas máis altas do Monte Irago, e pola que transcorre o Camiño a Santiago e tamén o Camiño ao Finis Terrae galego.

Alí coincidimos traballando, de xeito máis ou menos voluntario, unha serie de seres que compartíamos o soño de crear un novo mundo, transformando e mellorando o xa existente.

Despois de diversas experiencias xuntos, boas e non tan boas, e de moitas charlas-debate, hoxe diriamos asembleas, xurdiron as liñas mestras do proxecto. En outubro do 2010, separámonos case todos os que alí compartiramos, pois a cesión que tiñamos no albergue no que estabamos remataba. Desexámonos un “bo camiño” e démonos un forte abrazo. Pero tres de nós decidimos ir un pouquiño máis alá, “ultreia”, e marcamos un punto no mapa do Finis Terrae, Buxán.

Ao chegar a seguinte primavera nacería, como xa dixemos, Aurora de Buxán S. Coop. Galega.

2. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Hoxe en día somos as tres socias da constitución, dous socios a proba, outra que acaba de manifestar o seu desexo de estar tamén a proba e moitos simpatizantes da idea, ou persoas que se achegan a botarnos una man sen compromiso, porque lles gusta o que estamos a facer, aprenden algo, viven no rural, ou polo que sexa… A verdade é que o potencial de socios traballadores, ou socios doutras clases, que pode albergar o proxecto é elevado pero todo depende de como saibamos xerar economía e sustentabilidade, e da nosa destreza para convivir, entre nós e coa contorna, mantendo o optimismo aínda que o horizonte pareza estar turbio. E isto non é fácil. Hai pouco, unha benquerida persoa de todos nós que estaba en situación de proba e a piques de entrar como socio desanimouse e marchou do proxecto moi ao noso pesar. En fin… xa se verá o que está por vir.

3. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

Parece broma pero é ben certo que chegar ao parágrafo que pretendiamos que fose o obxecto social ou misión da cooperativa levou case sete anos. Sintetizar e transmitir a esencia do que se pretende, e expresalo en palabras, é coma unha tarefa case imposible. Aínda así, fixémolo e o resultado amosa tanto a nosa incapacidade de simplificar como o medo de que quedase fóra algo “importante”, pero é o que hai e estamos bastante satisfeitas do resultado.

E di así: “Aurora dos Camiños, albergue de peregrinos, lugar de convivencia, repouso e sanación” ten como misión a de propiciar, desde a sobriedade, a contorna favorable para a práctica do “aquí e agora”, da aceptación, do perdón, da meditación, do consumo responsable e consciente, dos hábitos saudables, e para desfrutar da vida sinxela, servicial e de entrega; por Amor e Gratitude”.

E a risa foi que pouco despois, a responsable do rexistro de cooperativas considerou que este parágrafo non podía ser o obxecto social da cooperativa, pois esa misión non era un traballo en si. E simplificou a cousa deixándoa como “albergue de peregrinos”.

Pero nós imos intentar que se recoñeza a orixinal pois, aínda que longa e imperfecta, reflicte mellor a nosa realidade.

4. A que vos dedicades?

Pois estamos centradas en varias cousas. Por un lado, temos o noso traballo interior que é o de poñer en práctica os principios da nosa misión. E ás veces non o facemos tan mal. E, por outro, estamos a rehabilitar un pouquiño o mosteiro de San Martiño de Ozón, xa que temos a súa cesión durante algúns anos. E como ten moita terra, tamén a estamos preparando para ter qué comer. E facemos diversa artesanía, experimentamos coas marmeladas e queixos (a ver se pronto nos saen ben,) e ofertamos algúns cursos de coñecemento compartido. Non somos mestres de nada pero sabemos algo de moitas cousas, como esgrima, ioga, meditación, guitarra, marquetería, chi kung… As variacións virán polas novas persoas que se apunten ao proxecto e polo que acheguen a el. Tamén os que marchen deixarán baleiros, pero éche o que hai… Todos levamos algo valioso para compartir e, se queremos facelo, o resultado é máxico.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

Pensamos que boa. Polo menos a nós gústanos todo o mundo ao noso redor.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Ver como podemos establecer vínculos e redes de cooperación coa nosa contorna, como podemos beneficiarnos todos de todos, ser máis felices. Queremos aprender a desfrutar xuntos dunha vida consciente… Pero vexo que outra vez corremos o risco de entrar nunha morea de ideas que chamarían delirios utópicos polo que as imos deixar para calquera outro momento, en San Martiño ou en Buxán… e centrémonos no que toca aquí e agora.

Así que, baixando a un contexto máis terreal, tan pronto como sexa posible e pode que xa sexa posible este setembro, imos construír unhas pequenas casiñas na parroquia de Buxán que complementarán o traballo que xa se está a facer desde San Martiño, ao tempo que proverán máis espazo para máis persoas ou socios. Quen sabe…