Cartel gañador para o Ano Internacional do Cooperativismo

Hoxe imos mostrarvos un fermoso traballo realizado pola cooperativa valenciana Collage-no. Este proxecto gañou o 1º Premio do concurso de carteis do Ano Internacional das Cooperativas, outorgado pola Alianza Cooperativa Internacional.

Ao concurso presentáronse cooperativas de deseño e creación gráfica de todo o mundo con proxectos que expresaran os valores do movemento cooperativo no Ano Internacional.

collage-no

Cartel gañador

O deseño gañador de Collage-no non só mostra as virtudes cooperativas; tamén foi producido de forma cooperativa; cada artista deseñou unha sección diferente, utilizando diferentes técnicas nun anaco de papel dobrado en tres, sen poder ver o que a outra persoa creara. Ninguén sabía que aspecto global tería a proposta ata que se  despregou totalmente.

Esta proposta de ensamblaxe colectiva de imaxes baseouse nunha técnica chamada “cadáver exquisito”. Cada deseñador de Collage-no ilustrou un dos tres conceptos, elixindo libremente a técnica e os recursos dispoñibles: empresa, sustentabilidade e cooperación.

Podedes descargalo na páxina: 2012.coop

 

Historias.coop

Stories.coop é a primeira campaña dixital global para difundir o cooperativismo a través da tradición de contar historias. O proxecto, posto en marcha pola Alianza Cooperativa Internacional (ACI) xunto co Instituto Europeo de Investigación de Cooperativas e Empresas Sociais, quere representar toda a diversidade do movemento cooperativo en calquera parte do mundo, atraendo as historias tanto de grandes como de pequenas cooperativas.

Stories.coop

As historias poderán ser contadas en diferentes formatos, empregando a palabra, imaxes ou vídeos. Stories.coop mostrará a gran diversidade de experiencias cooperativas e o profundo impacto positivo que xeran en millóns de persoas.

Co poder das palabras e o poder das imaxes poderemos conectarnos coas experiencias, as emocións e a esperanza que transmiten estas historias. Xa hai dez dispoñibles na páxina.

A participación é moi sinxela. Se tes algunha experiencia cooperativa, só tes que gravala, filmala, contala… e compartila. A túa podería ser unha das 366 reportaxes do día, unha por cada día do ano 2012, declarado pola ONU como ano internacional do cooperativismo.

Ademais, todas as historias serán compartidas en stories.coop, a primeira biblioteca dixital do mundo de historias cooperativas.

Agardamos que un proxecto do país figure proximamente neste gran proxecto web!

2012 Ano Internacional das Cooperativas

O pasado 31 de outubro, as Nacións Unidas presentaron o Ano Internacional das Cooperativas nun acto celebrado en Nova York. O lema escollido para este ano é As cooperativas constrúen un mundo mellor.

Ao acto asistiron máis de 150 representantes das cooperativas máis grandes do mundo (entre elas, a Corporación Mondragón) para, conxuntamente, analizar as posibilidades de estender o crecemento das empresas cooperativas nos próximos anos.

Tras unha mesa redonda sobre a contribución das cooperativas ao desenvolvemento sustentable, desenvolveuse a cerimonia oficial de apertura na que o secretario xeral das Nacións Unidas, o presidente da Asemblea Xeral e a presidenta da Alianza Cooperativa Internacional, entre outros, lanzaron o Ano Internacional das Cooperativas.

No acto tamén se presentou un vídeo producido pola Organización Internacional do Traballo (OIT) para celebrar a data:

Que é unha cooperativa?

Como xa comentamos, as cooperativas intégranse dentro da Economía Social. Para entender o que é unha cooperativa botaremos man de dúas definicións. En primeiro lugar, imos ver que di a Alianza Cooperativa Internacional na súa Declaración sobre Identidade e Principios Cooperativos:

“Unha cooperativa é unha asociación autónoma de persoas que se unen de xeito voluntario para satisfacer as súas necesidades e aspiracións económicas, sociais e culturais en común mediante unha empresa de propiedade conxunta e de xestión democrática.”

bloques de madeira

Imaxe: Scidmail

En segundo lugar temos a declaración da antiga Lei de cooperativas de Galicia, Lei 5/1998, DOG 30 de decembro de 1998:

“A cooperativa é unha sociedade de capital variable que, con estrutura e xestión democrática, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, desenvolve unha empresa de propiedade conxunta, a través do exercicio de actividades socioeconómicas, para prestar servizos e para satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios/as, e en interese pola comunidade, mediante a participación activa deles/as, distribuíndo os resultados en función da actividade cooperativizada.”

 
Creative Commons License Cartel gañador para o Ano Internacional do Cooperativismo is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.