Xornadas de Consumo Cooperativo

A Cooperativa de Consumo Salgueiriños de Consumo está a realizar unhas Xornadas de Consumo Cooperativo desde o pasado mes de novembro até o próximo mes de marzo.

O pasado venres tivemos a oportunidade de asistir a unha mesa redonda: Cooperativismo de consumo. Obxectivos, realidades e experiencias en Galicia, con representantes das cooperativas de consumo Eirado, Panxea, Árbore e Salgueiriños de Consumo. Mais aínda quedan varias citas moi interesantes:

Venres, 20 de xaneiro. 20:00

Mesa Redonda: A Banca ética. Outro xeito de xestionar os nosos cartos. Con representantes de Coop57, Fiare Galiza e Triodos Bank. Tres opcións distintas de xestionar os nosos cartos fóra da banca tradicional: unha cooperativa de crédito, unha asociación e un banco ético

Venres 10 de febreiro. 20:00

Mesa redonda: Por un comercio xusto no Norte e no Sur con Amarante-Setem e Sindicato Labrego Galego. Un achegamento á realidade do comercio alimentario industrial e a conceptos como soberanía alimentar, comercio xusto, agroecoloxía…

Sábado, 10 de marzo. 18:00

Cine-Forum. “O pesadelo de Darwin”. Este documental aborda os efectos sociais e ambientais no Lago Vitoria de Tanzania provocados pela industria de pesca con destino ao mercado europeo.

Unha boa maneira de comezar o ano!

Imaxe destacada: Leocub

Curso Economía Alternativa e Solidaria

Nos próximos días, vai ter lugar un encontro interesante para todas as persoas interesadas na Economía Social. O I Curso de cartel formacionEconomía Alternativa e Solidaria: Realidades e Proxectos vaise celebrar os días 11 a 13 de novembro na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, organizado pola USC e por Panxea. A asociación para o comercio xusto e solidario Panxea cumpre 16 anos de traballo no eido do comercio xusto, o consumo responsable e a economía alternativa e solidaria en xeral. Parabéns!

Como podedes ver, no seu programa prevese a presenza de persoas e organizacións de referencia en temas como as finanzas éticas, o comercio xusto, o consumo responsable, o cooperativismo, a agroecoloxía ou a pesca sostible, o software libre…

O prazo de inscrición está aberto ata o próximo día 9 de novembro.

 

 
Creative Commons License http://coopmunicando.info is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.