27113 Comuna

Desta vez, imos coñecer a 27113 Comuna, un proxecto cooperativo innovador e, ao mesmo tempo, profundamente vinculado coa revitalización do rural.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

27113 Comuna, S. Coop constitúese en febreiro do 2011 en Cancio, no Concello de Negueira de Muñiz. Este concello é o menos poboado de Galiza, pertence á Rede Natura 2000 e está situado na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, ao tempo que constitúe un dos principais núcleos de poboación de residentes neorrurais da Galiza. É por isto que o lugar garante as condicións mínimas para establecer as bases deste proxecto en concordancia co seu espírito e proporciona o impulso definitivo para iniciar o proxecto cooperativo.

Por outra parte, as socias teñen unha longa traxectoria en proxectos cooperativos e asociativos e coincidiran xa noutras ocasións. Este feito facilita a confianza mutua para levar a cabo o proxecto.

Os motivos para emprender o proxecto son: a necesidade de traballo estable remunerado e continuidade profesional; a necesidade de compaxinar e xuntar baixo un só proxecto o compromiso social, a vida no campo e o traballo remunerado.

2. A que vos dedicades?

Á xestión dun local multiservizos rural no que se desenvolven as seguintes actividades:

 1. Tenda ou comercio polo miúdo de produtos de alimentación e de fogar procedentes da agricultura ecolóxica e o comercio xusto e de produtos locais.

2. Servizo hostaleiro de restaurante (casa de comidas) con zona de barra-bar.

3. Servizo de Internet, información turística e venda de artesanía da zona.

4. Organización e realización de actividades de turismo cultural e rural, fomento do cooperativismo, formación para a vida no campo, educación medioambiental…

5. Xestión dunha aula da natureza e xardín forestal comestible e sensitivo con acceso a persoas discapacitadas.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Actualmente somos tres socias traballadoras. Neste verán incorporarase unha socia máis.

4. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

O apoio mutuo, a autoxestión, a economía social e sostible, a responsabilidade, a profesionalización.

Os nosos obxectivos sociais son:

1. A mellora medioambiental, a través do fomento da agricultura ecolóxica, a silvicultura social e sostible e o coidado e protección do monte, da súa fauna e flora.

2. A protección dos animais e o fomento dos seus dereitos como seres que senten.

3. O fomento do consumo consciente, que se potenciará principalmente a través da política de compra-venda dos produtos que comercializará a cooperativa nas súas instalacións (tenda e bar-restaurante).

4. A integración de colectivos sociais con maiores dificultades, como minusválidas/os, persoas en risco de exclusión social, inmigrantes, paradas/os de longa duración… e a loita contra a pobreza e situacións de especial necesidade.

5. O fomento da economía social.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

A historia recente de Negueira de Muñiz está marcada por dous acontecementos: a construción do encoro do Salime nos anos 60 e a creación da Comuna de Foxo no ano 1977. A Comuna de Foxo inspirou aos promotores para darlles nome a este proxecto cooperativo.

Actualmente, o colectivo rural é moito menos numeroso que entón, pero continúan no lugar moitas familias con fillos e ata netos. A poboación neorrural é moi nova de media e constitúe o colectivo máis novo do rural galego actualmente. A nosa cooperativa interactúa con este colectivo e co resto do rural achegando formación para a creación de cooperativas, fomentando e formando para o autoemprego en xeral, achegando servizos e xerando economía local a través da contratación de persoal e servizos e a través da compra dos produtos de horta, artesanía… para a tenda e o restaurante.

Actualmente, estase traballando co empresariado local para crear unha asociación de empresarios.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Temos varios proxectos futuros:

Consolidar as actividades actuais.

Crear novos postos de traballo relacionados coa xestión e a formación medioambiental.

Crear novos espazos de xardín forestal e produción ecolóxica.

Investigar e fomentar usos sostibles do monte distintos dos madeireiros.

Ampliar os servizos para persoas discapacitadas, enfermas ou na última fase da vida.

Como vedes, é un fermoso proxecto para o que desexamos longa e intensa vida!