Slideshow shadow

Anímate a emprender de xeito colectivo!

A Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Ugacota, no marco da Rede EUSUMO, vai desenvolver un obradoiro gratuíto e presencial en Vigo, para as persoas interesadas en emprender o seu propio proxecto.

A través dun obradoiro de 25 horas de duración, que se vai desenvolver do 25 ao 29 de xuño, en horario de 9 a 14 horas, amosaranse dende un punto de vista práctico as condicións e pasos que cómpre dar para emprender baixo a fórmula cooperativa. Ademais, no marco desta formación, realizarase unha visita a unha cooperativa da contorna para poder coñecer a súa experiencia.

A actividade terá lugar no Centro da Rede Eusumo na Cámara de Comercio de Vigo, na Rúa República Arxentina, 18.

Para ter máis información, podes descargar a ficha da actividade.

Se queres participar podes cubrir o formulario de inscrición seguindo esta ligazón e tamén no tel. 986 136 592 ou no correo nuria@ugacota.coop.

Afloran as cooperativas coa crise?

Xa comentamos noutro artigo que a fórmula cooperativa está demostrando unha maior resistencia á crise que as empresas convencionais.

Pois ben, este tema foi tratado no programa de radio Hora 25 da Cadena Ser que podemos escoitar nesta ligazón:

En Hora 25, a locutora Àngels Barceló entrevista varias persoas para coñecer de cerca unha opción empresarial cuxa destrución de emprego é seis puntos inferior á das empresas convencionais e onde case o 75 dos contratos que se asinan son indefinidos. A economía social é unha opción escollida por máis de 45.000 empresas de economía social no Estado, sostén dous millóns e medio de empregos e supón o 10% do PIB.

Co obxectivo de ofrecer unha perspectiva diversa sobre o cooperativismo, o programa, entre moitas intervencións, inclúe entrevistas a Juan Antonio García, alcalde de Bonares (Huelva), unha cidade de 6000 habitantes con 30 empresas de economía social que representan o 80% do PIB do Concello; a Pedro Caravaca, un cooperativista que relata a súa experiencia desde un punto de vista máis vivencial; a Juan Antonio Pedreño, presidente de CEPES (Confederación Empresarial da Economía Social) ou a Lander Beloki, o decano da Facultade de Empresariais da Universidade de Mondragón, un referente imprescindible ao falar de cooperativismo.

Coñecemos a Trespés

Desta vez, imos achegarnos ao proxecto cooperativo Trespés Soc. Coop. Galega. Non é a primeira vez que falamos de Trespés xa que é a cooperativa que está por tras dun fermoso proxecto que contribuímos a difundir: En todas as mans. Imos coñecer un pouco máis este equipo multidisciplinar que elixiu o cooperativismo como fórmula empresarial para levar a cabo os seus proxectos.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

Como en non poucas ocasións a idea deste proxecto xorde en conversas informais. Cada unha das persoas integrantes do grupo promotor viña desenvolvendo a súa actividade profesional no ámbito laboral por conta allea. A través das nosas actividades profesionais detectamos carencias e oportunidades nos sectores onde estabamos a traballar. Sobre todo, percibimos un parcelamento entre os diferentes ámbitos do coñecemento que centran o noso proxecto, social, ambiental e cultural. Ao tempo, coincidiamos na vontade e necesidade de dotármonos dunha estrutura propia que nos permitira desenvolver proxectos que cubriran esas carencias das que falabamos antes.

A partir desta premisa inicial, fomos perfilando a idea até lindar as marxes dun proxecto que ten como marco a construción social, cultural e medio ambiental. Achamos que é a través da produción, a xestión e a consultaría-asesoría o mellor xeito de intervir nestes sectores.

2. A que vos dedicades?

Trespés Soc. Coop. Galega ofrece unha visión integral e multidisciplinar baseada nunha ampla experiencia nos sectores social, cultural e ambiental.

Combinamos e complementamos os diferentes ámbitos de traballo aplicando unha perspectiva cualitativa e fomentando a participación cidadá mediante metodoloxías flexíbeis a cada contexto.

Así, traballamos na consultaría e asesoría; na produción de contidos como exposicións, audiovisuais, publicacións; na dinamización e desenvolvemento local; na educación e formación; e na investigación básica e aplicada.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Facemos parte 3 persoas socias, Paulo Jablonski, licenciado e doutor en Antropoloxía, Tania Martínez, licenciada en Bioloxía e Alberte Román, licenciado en Xeografía. Esta diversidade de perfís incorpora unha visión poliédrica aos nosos proxectos.

4. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

A cooperativa ten por obxecto a prestación do traballo das persoas socias para a produción en común de bens e servizos para terceiros.

É obxecto social da nosa cooperativa ofrecer unha carta de servizos diversificada nos ámbitos do social, cultural e medio­ambiental que contribúan á mellora da sociedade. Apostamos polo espallamento dos principios e prácticas da economía social impulsando o modelo cooperativo, mediante o estímulo do auto­emprego.

En parte debido a esta motivación, levar ao plano laboral a transformación social, Trespés iniciou o procedemento para se transformar nunha cooperativa de iniciativa social sen fins lucrativos.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

Cada unha das socias da cooperativa participa en diferentes movementos sociais na medida das súas afinidades, vontades e posibilidades. Cada unha ao seu xeito estamos presentes en asociacións polo consumo responsábel, asociacionismo cultural e político. Entendemos a participación social e o ámbito cooperativo como un continuo. Levamos o activismo á cooperativa e o cooperativismo ao activismo.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

É vontade da cooperativa poder desenvolver por nós propios aqueles proxectos que achamos necesarios, en grande medida sermos unha cooperativa de iniciativa social vainos permitir avanzar nesta liña. Nesta altura, entre outros proxectos, estamos inmersos na produción dun documental centrado nos montes veciñais en mancomún, que se titula “En todas as mans”. Entendemos que o mundo do veciñal non está o suficientemente visibilizado na realidade social do país, sendo como é un elemento que caracteriza o 25 % do territorio galego. Nestes momentos estamos en fase de pre­produción, á procura de financiamento e planificando a gravación. Entre outras particularidades, “En todas as mans” é o primeiro documental galego en utilizar estratexias de  financiamento colaborativo.

 

Por que non traballamos en equipo?

Maio 24, 2012 in cooperativismo, Formación

O traballo en equipo e a xeración de sinerxías son o cerne da xestión cooperativa. Aproveitar as potencialidades para tirar o máximo proveito das achegas das persoas e diminuír as dificultades son o obxectivo dun obradoiro gratuíto que organiza a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Ugacota.

Esta acción formativa insírese no marco da Rede Eusumo e celebrarase de forma presencial en Vigo, no Centro da Rede Eusumo na Cámara de Comercio de Vigo, (Rúa República Arxentina 18 A Vigo), cunha actividade específica dirixida ao público en xeral, tanto persoas en activo (prioridade a socias e asalariadas de cooperativas) como a persoas en desemprego.

O obradoiro constará de 25 horas de duración, do 11 ata o 15 de xuño, en horario de 10.00 a 15:00 horas. Traballaremos coas habilidades persoais e sociais clave para traballar nun entorno colaborativo.

Podes consultar o programa polo miúdo na Ficha que anexamos. Para obter máis información ou efectuar a inscrición, podes dirixirte ao correo nuria@ugacota.coop o ao teléfono 986 13 65 92.

27113 Comuna

Maio 21, 2012 in Consumo responsable, cooperativismo, destacadas, Economía social, Nova cooperativa

Desta vez, imos coñecer a 27113 Comuna, un proxecto cooperativo innovador e, ao mesmo tempo, profundamente vinculado coa revitalización do rural.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

27113 Comuna, S. Coop constitúese en febreiro do 2011 en Cancio, no Concello de Negueira de Muñiz. Este concello é o menos poboado de Galiza, pertence á Rede Natura 2000 e está situado na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, ao tempo que constitúe un dos principais núcleos de poboación de residentes neorrurais da Galiza. É por isto que o lugar garante as condicións mínimas para establecer as bases deste proxecto en concordancia co seu espírito e proporciona o impulso definitivo para iniciar o proxecto cooperativo.

Por outra parte, as socias teñen unha longa traxectoria en proxectos cooperativos e asociativos e coincidiran xa noutras ocasións. Este feito facilita a confianza mutua para levar a cabo o proxecto.

Os motivos para emprender o proxecto son: a necesidade de traballo estable remunerado e continuidade profesional; a necesidade de compaxinar e xuntar baixo un só proxecto o compromiso social, a vida no campo e o traballo remunerado.

2. A que vos dedicades?

Á xestión dun local multiservizos rural no que se desenvolven as seguintes actividades:

 1. Tenda ou comercio polo miúdo de produtos de alimentación e de fogar procedentes da agricultura ecolóxica e o comercio xusto e de produtos locais.

2. Servizo hostaleiro de restaurante (casa de comidas) con zona de barra-bar.

3. Servizo de Internet, información turística e venda de artesanía da zona.

4. Organización e realización de actividades de turismo cultural e rural, fomento do cooperativismo, formación para a vida no campo, educación medioambiental…

5. Xestión dunha aula da natureza e xardín forestal comestible e sensitivo con acceso a persoas discapacitadas.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Actualmente somos tres socias traballadoras. Neste verán incorporarase unha socia máis.

4. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

O apoio mutuo, a autoxestión, a economía social e sostible, a responsabilidade, a profesionalización.

Os nosos obxectivos sociais son:

1. A mellora medioambiental, a través do fomento da agricultura ecolóxica, a silvicultura social e sostible e o coidado e protección do monte, da súa fauna e flora.

2. A protección dos animais e o fomento dos seus dereitos como seres que senten.

3. O fomento do consumo consciente, que se potenciará principalmente a través da política de compra-venda dos produtos que comercializará a cooperativa nas súas instalacións (tenda e bar-restaurante).

4. A integración de colectivos sociais con maiores dificultades, como minusválidas/os, persoas en risco de exclusión social, inmigrantes, paradas/os de longa duración… e a loita contra a pobreza e situacións de especial necesidade.

5. O fomento da economía social.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

A historia recente de Negueira de Muñiz está marcada por dous acontecementos: a construción do encoro do Salime nos anos 60 e a creación da Comuna de Foxo no ano 1977. A Comuna de Foxo inspirou aos promotores para darlles nome a este proxecto cooperativo.

Actualmente, o colectivo rural é moito menos numeroso que entón, pero continúan no lugar moitas familias con fillos e ata netos. A poboación neorrural é moi nova de media e constitúe o colectivo máis novo do rural galego actualmente. A nosa cooperativa interactúa con este colectivo e co resto do rural achegando formación para a creación de cooperativas, fomentando e formando para o autoemprego en xeral, achegando servizos e xerando economía local a través da contratación de persoal e servizos e a través da compra dos produtos de horta, artesanía… para a tenda e o restaurante.

Actualmente, estase traballando co empresariado local para crear unha asociación de empresarios.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Temos varios proxectos futuros:

Consolidar as actividades actuais.

Crear novos postos de traballo relacionados coa xestión e a formación medioambiental.

Crear novos espazos de xardín forestal e produción ecolóxica.

Investigar e fomentar usos sostibles do monte distintos dos madeireiros.

Ampliar os servizos para persoas discapacitadas, enfermas ou na última fase da vida.

Como vedes, é un fermoso proxecto para o que desexamos longa e intensa vida!

Profit asesores, cooperativa de nova creación

Maio 21, 2012 in cooperativismo, Nova cooperativa, Uncategorized

PROFIT ASESORES é unha cooperativa de traballo asociado de nova creación nacida en 2011 e localizada en Vigo. Para coñecer este novo proxecto falamos con Rosana Fernández, unha das catro socias que conforman a cooperativa.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

En tempos de crise estabamos pensando nunha iniciativa emprendedora para desenvolver a nosa actividade e criamos que a fórmula da cooperativa era a que mellor se axustaba ás nosas necesidades.

2. A que vos dedicades?

Os nosos servizos son o asesoramento empresarial en contabilidade, fiscal e laboral tanto para empresas como para autónomos.

3. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

A nosa filosofía é darlle un servizo proactivo aos clientes, ser un máis do seu cadro de persoal e involucrarnos activamente na toma de decisións do órgano de administración. Os valores son a responsabilidade, a proactividade, a formación continua e a atención particularizada.

4. Que proxectos tedes para o futuro?

O proxecto é consolidar o negocio nesta época de crise para, nun futuro, estar en condicións de crecer.

Podedes atopar a Profit Asesores no número 14 de Marqués de Valladares, en Vigo. Moita sorte!

Encontro sobre Seguros éticos

Maio 11, 2012 in cooperativismo, Economía social, Formación, Innovación

A federación de cooperativas SINERXIA organiza un Encontro sobre seguros éticos na economía social e solidaria en Galiza, que terá lugar o sábado 26 de maio en Compostela.

O acto decorrerá entre as 10.15 e as 13.45 h no Centro Sociocultural A Trisca (no barrio de San Pedro) e nel preténdese, por unha parte, presentar as características deste produto e, por outra, reflexionar sobre as posibilidades de creación de seguros éticos entre todas as entidades e persoas que conforman o mercado social galego.

No encontro contarase coa presenza da cooperativa catalá de servizos para a economía social ARÇ a cal explicará o papel que o desenvolvemento deste produto pode xogar na construción e afortalamento do mercado social. Para ampliar información sobre esta actividade recomendámosvos que descarguedes o Programa aquí anexo. Nel tamén se explica o procedemento de inscrición.

Xesforesta, un novo proxecto cooperativo

Maio 10, 2012 in cooperativismo, Nova cooperativa

Iniciamos esta quenda de entrevistas ás cooperativas de recente creación coñecendo a Xesforesta S. Coop. Galega, un novo proxecto no ámbito da enxeñaría forestal e ambiental ao que lle desexamos moita sorte neste camiño que inicia.

1.  Cando e como nace o voso proxecto empresarial?

Aínda que a cada un de nós, por separado, xa nos roldaba a idea do autoemprego pola cabeza, foi en novembro de 2011 cando decidimos poñer en común este proxecto empresarial.

Todos/as nós temos a certeza de que a nosa comunidade autónoma ten moito potencial forestal e ambiental e cremos que existe outro xeito de xestionar os recursos; de forma responsable e involucrando a poboación na toma de decisións.

2. A que vos dedicades?

De xeito simplificado, podemos dividir os nosos servizos en tres bloques: enxeñaría forestal, enxeñaría ambiental e formación nestes eidos. Máis polo miúdo:

Enxeñaría forestal: proxectos de silvicultura, repoboacións e infraestruturas; trámites e xestións; defensa da propiedade (deslindes, amolloamentos, correccións e estudos catastrais, valoracións); xestión integral de comunidades de montes veciñais en man común; control de calidade.

Enxeñaría ambiental: silvicultura preventiva; restauración hidrolóxico-forestal; plans de defensa contra incendios forestais; estudos de impacto ambiental; elaboración de programas de manexo de áreas naturais protexidas; aproveitamentos do monte (landras, cogomelos, biomasa, silvopastoreo, plantas aromáticas e medicinais…).

Actividades de formación: interpretación ambiental-patrimonio; elaboración de publicacións; edición de material divulgativo; formación e sensibilización ambiental.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

As tres persoas socias traballadoras son: Carolina García López, enxeñeira técnica forestal; David Chapela Rodríguez, enxeñeiro de montes; e Anxos Riveiro Olveira, técnica en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos e técnica en produción acuícola.

4. Cales son a filosofía e os valores da vosa cooperativa?

A nosa filosofía consiste en contribuír ao benestar social das comarcas de Muros, Noia, Barbanza e o Sar, coa premisa máxima da mellora continua da xestión forestal sostible e da multifuncionalidade para acadar un status organizativo e especializado en servizos forestais, ambientais e formativos no ámbito galego.

Os nosos valores baséanse na eficacia, a través dun equipo profesional capacitado para dar respostas de calidade aos servizos; no compromiso coa xestión forestal sostible, a multifuncionalidade e a mellora continua dos servizos; na conduta social e responsable coidando o benestar con vista ao futuro das xeracións vindeiras; na innovación continua dos modelos de xestión e implicación coas novidades do sector forestal; e no desenvolvemento local e arraigamento social, promovendo os produtos, usos e costumes da nosa contorna de traballo.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

Malia que acabamos de comezar a nosa andaina como cooperativa e á falta de elaborar o Plan de responsabilidade social empresarial, non é algo novo para nós o de contribuír dalgún xeito a mellorar a nosa contorna. De feito participamos dende hai uns anos de forma activa e altruísta na comunidade de montes da parroquia onde temos o domicilio social da cooperativa. Ademais de estar inmersos noutras asociacións de diferente índole.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Queremos chegar a ser unha cooperativa de referencia no sector forestal e medioambiental de Galicia, poñendo en práctica proxectos de innovación para unha xestión responsable, dinamizando as comunidades de montes veciñais en man común e sendo unha fonte formativa e informativa para todos os axentes involucrados no medio rural.

Creative Commons License Xesforesta, un novo proxecto cooperativo is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.