Slideshow shadow

Cooperativismo e gastronomía

O venres 3 de febreiro arranca o II Programa Cooperativismo e Gastronomía, organizado por Ardora Formación y Servicios, S. Coop. Galega, ao abeiro do programa de actividades de fomento do cooperativismo promovido pola Consellería de Traballo e Benestar.

O Programa Cooperativismo e Gastronomía comezou no curso 2010-2011 e estase desenvolvendo en Centros Educativos e Escolas que imparten os ciclos formativos da Familia Profesional de Hostalaría. O primeiro centro participante nesta segunda edición é o IES Sanxillao, de Lugo.

Os obxectivos do programa son:

  • Difundir o cooperativismo como fórmula de autoemprego para os futuros profesionais do sector da hostalaría e restauración.

    cooperativismo e gastronomía

    Xornadas no IES Fraga do Eume

  • Dar a coñecer a estrutura da rede cooperativa na nosa comunidade autónoma: entidades, recursos e portais de referencia do cooperativismo de traballo en Galicia.
  • Divulgar experiencias de traballo cooperativo exitosas.
  • Crear unha rede de contactos entre as cooperativas de produtos alimentarios e os seus futuros potenciais clientes, asentando as bases para futuras experiencias de intercooperación.
  • Achegar dunha forma participativa aos futuros profesionais da cociña o mundo dos produtos cooperativos de Galicia para:

Facilitar o coñecemento directo da oferta existente e o valor comercial destes produtos.

Potenciar a diferenciación dos produtos e a identificación das súas principais calidades dende o punto de vista gastronómico.

Fomentar o seu uso na cociña profesional.

As actividades desenvólvense en dous bloques sucesivos e complementarios: unha xornada de fomento do cooperativismo con relatorios, paneis de experiencias e charlas coloquio, e un obradoiro composto por bodegón-exposición de produtos cooperativos e unha degustación guiada. Ademais, realizarase a presentación da exposición gráfica Camiñando cara ao cooperativismo, que realizará un percorrido itinerante por todos os centros participantes.

A cooperativa Ardora e a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado UGACOTA ocúpanse da parte formativa, mentres que as cooperativas Frugal, Equisol, Como Cabras, Milhulloa, Promundos e Máis Galicia dan a coñecer a súa experiencia e os seus produtos.

Se queredes obter máis información, podedes dirixirvos ao correo ardora@ardoraformacion.com

Imaxe destacada: CMSeter

Axudas 2012 de cooperativismo e economía social

Veñen de publicarse as ordes de axudas para as cooperativas e empresas de economía social de Galicia, da Consellaría de Traballo e Benestar para o ano 2012; podedes ler as ordes nas ligazóns que anexamos.

Convocadas axudas para o fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012:
Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012.

Convocadas axudas para o fomento e a consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2012:
Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para el año 2012.

Convocadas axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo para o ano 2012:
Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012.

Imaxe destacada: Irum

En todas as mans

Cando foi a última vez que fuches ao monte?

Seguramente coñeces as Fragas do Eume, o Courel, o Xurés… mais ao noso redor existe unha realidade máis ampla á que nos últimos anos lle fomos virando as costas.

Hoxe queremos achegarnos a esta realidade a través dun dos aspectos máis valiosos e interesante para a patrimonio cultural e produtivo galego. A cooperativa Trespés está preparando un documental, “En todas as mans”, centrado na realidade dos montes en mancomún.

Este documental mostra esta forma de titularidade mancomunada, asentada nunha concepción colectiva do territorio, e sinala as súas potencialidades para a xestión e custodia do territorio próximo. Na actualidade, este modelo existe no territorio galego e no norte de Portugal. Galiza conta con aproximadamente 3000 comunidades de montes en mancomún, que xestionan preto de 700.000 ha de territorio galego, o 29,85 % da superficie forestal.

Como podedes ver no adianto dispoñible, o proxecto incorpora voces dos comuneiros e comuneiras e do ámbito académico para construír, así, unha reflexión colectiva sobre o monte en mancomún e o seu futuro.

Nestes momentos o proxecto está en fase de preprodución. A cooperativa Trespés busca financiamento que faga posible a gravación; para iso, están a desenvolver unha estratexia de financiamento colaborativo, o chamado crowdfunding. Este sistema basease en micro-achegas económicas por parte de persoas ou entidades. Se tes interese en colaborar co documental, podes informarte na páxina web do proxecto.

Podemos seguir todas as novas relacionadas con este fermoso proxecto na súa páxina de Facebook.

En todas as mans. from trespes on Vimeo.

Imaxe destacada: Bvhbv1

 

Curso Economía Alternativa e Solidaria

Novembro 3, 2011 in Formación

Nos próximos días, vai ter lugar un encontro interesante para todas as persoas interesadas na Economía Social. O I Curso de cartel formacionEconomía Alternativa e Solidaria: Realidades e Proxectos vaise celebrar os días 11 a 13 de novembro na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC, organizado pola USC e por Panxea. A asociación para o comercio xusto e solidario Panxea cumpre 16 anos de traballo no eido do comercio xusto, o consumo responsable e a economía alternativa e solidaria en xeral. Parabéns!

Como podedes ver, no seu programa prevese a presenza de persoas e organizacións de referencia en temas como as finanzas éticas, o comercio xusto, o consumo responsable, o cooperativismo, a agroecoloxía ou a pesca sostible, o software libre…

O prazo de inscrición está aberto ata o próximo día 9 de novembro.

 

A Economía Social busca un lucro económico?

Novembro 3, 2011 in Economía social

As entidades da economía social poden procurar un lucro económico, pero este non é o único; teñen, ademais, un fin social. O concepto de “lucro” lévanos a diferenciar dous grandes subsectores na economía social.

porquinho verde

Carloszk

Por un lado temos o subsector de mercado; son as entidades con ánimo de lucro ou que actúan no mercado. Estas entidades perseguen un beneficio económico, pero este non é o seu único obxectivo pois téñense en conta outros obxectivos sociais. A distribución de beneficios e a toma de decisións non está directamente ligada co capital achegado polas persoas, pois aparecen outras finalidades distintas das puramente económicas.

Polo tanto, son entidades que non perseguen exclusivamente a lóxica capitalista de maximización de beneficios. En moitos casos, estas entidades non perseguen un lucro no sentido máis estrito pero si o acceso a un ben ou servizo en condicións dignas. Neste subsector están as cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción…

Por outra parte, están as entidades sen ánimo de lucro ou que non perseguen un fin económico. Referímonos sobre todo ao traballo ou ás accións voluntarias que son realizadas cun ánimo solidario. De aí tamén a noción de “economía solidaria”. Neste subsector atopamos as ONG de desenvolvemento ou de acción social, as fundacións privadas, as asociacións culturais…

Que é unha cooperativa?

Outubro 29, 2011 in cooperativismo, destacadas

Como xa comentamos, as cooperativas intégranse dentro da Economía Social. Para entender o que é unha cooperativa botaremos man de dúas definicións. En primeiro lugar, imos ver que di a Alianza Cooperativa Internacional na súa Declaración sobre Identidade e Principios Cooperativos:

“Unha cooperativa é unha asociación autónoma de persoas que se unen de xeito voluntario para satisfacer as súas necesidades e aspiracións económicas, sociais e culturais en común mediante unha empresa de propiedade conxunta e de xestión democrática.”

bloques de madeira

Imaxe: Scidmail

En segundo lugar temos a declaración da antiga Lei de cooperativas de Galicia, Lei 5/1998, DOG 30 de decembro de 1998:

“A cooperativa é unha sociedade de capital variable que, con estrutura e xestión democrática, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, desenvolve unha empresa de propiedade conxunta, a través do exercicio de actividades socioeconómicas, para prestar servizos e para satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios/as, e en interese pola comunidade, mediante a participación activa deles/as, distribuíndo os resultados en función da actividade cooperativizada.”

Que é a economía social?

Outubro 26, 2011 in cooperativismo, destacadas, Economía social

Como primeiro chanzo, parécenos oportuno definir varios conceptos, ás veces, interpretados de xeito difuso. Ultimamente, escoitamos falar a miúdo sobre a Economía Social, mais… a que nos referimos?

En primeiro lugar cómpre destacar que a Economía Social baséase nun modelo de economía diferenciado. Neste modelo alternativo enténdese a riqueza como a capacidade de satisfacer as necesidades humanas. Esta visión oponse ao modelo de economía máis estendido, onde a finalidade última oriéntase cara á maximización do capital e á súa acumulación. Achega, pois, un modelo contraposto que busca crear fórmulas de desenvolvemento económico máis xustas, equilibradas e harmonizadas coas necesidades e aspiracións das persoas.

Pero en que se materializa esta concepción da que parte a economía social? Pois ben, cando empregamos o termo Economía Social estamos a referirnos ao conxunto daquelas organizacións de persoas produtoras, consumidoras, aforradoras, traballadoras… que actúan baseándose neste modelo. Loxicamente, estas entidades que se crean ao redor da Economía Social apóianse nunha serie de principios como a democracia nas decisións, a igualdade de dereitos e deberes das persoas, a autonomía na xestión e, sobre todo, na importancia da persoa sobre o capital.

Neste contexto, observamos a gran contribución que achegan estes proxectos á sociedade, que hoxe encontra, en moitos casos, o seu futuro condicionado polos movementos dunha economía demasiado afastada da xente.

Comezamos!

Outubro 20, 2011 in cooperativismo

Este blogue nace coa intención de representar unha ferramenta de comunicación ao redor do cooperativismo e está pensado para ti. Non importa se es cooperativista, se traballas ou dirixes algún outro tipo de empresa ou se estás pensando en iniciar o teu propio proxecto empresarial.

Image: basketmanEstá pensado para ti, que cres na necesidade de reinventar a economía e a empresa do século XXI e, polo tanto, tes interese en coñecer, experimentar ou difundir novas maneiras de producir e de consumir.

Neste blogue pretendemos achegar as oportunidades, novidades e reflexións ao redor da economía social a toda a sociedade. Queremos compartir as chaves dun modelo caracterizado por facer empresa ao servizo das persoas. E queremos fomentar a necesidade de crear un tecido económico que mire ao seu redor e comparta as inquedanzas e necesidades dunha nova sociedade.

Para isto, queremos que este sexa un espazo para a reflexión e o intercambio de ideas sobre o mundo do cooperativismo e a economía social. Gustaríanos contar contigo para construír este espazo e promover outro xeito de facer empresa cuns valores, uns obxectivos e unha lóxica de funcionamento diferentes.

Creative Commons License http://coopmunicando.info is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.