Xesforesta, un novo proxecto cooperativo

Maio 10, 2012 in cooperativismo, Nova cooperativa

Iniciamos esta quenda de entrevistas ás cooperativas de recente creación coñecendo a Xesforesta S. Coop. Galega, un novo proxecto no ámbito da enxeñaría forestal e ambiental ao que lle desexamos moita sorte neste camiño que inicia.

1.  Cando e como nace o voso proxecto empresarial?

Aínda que a cada un de nós, por separado, xa nos roldaba a idea do autoemprego pola cabeza, foi en novembro de 2011 cando decidimos poñer en común este proxecto empresarial.

Todos/as nós temos a certeza de que a nosa comunidade autónoma ten moito potencial forestal e ambiental e cremos que existe outro xeito de xestionar os recursos; de forma responsable e involucrando a poboación na toma de decisións.

2. A que vos dedicades?

De xeito simplificado, podemos dividir os nosos servizos en tres bloques: enxeñaría forestal, enxeñaría ambiental e formación nestes eidos. Máis polo miúdo:

Enxeñaría forestal: proxectos de silvicultura, repoboacións e infraestruturas; trámites e xestións; defensa da propiedade (deslindes, amolloamentos, correccións e estudos catastrais, valoracións); xestión integral de comunidades de montes veciñais en man común; control de calidade.

Enxeñaría ambiental: silvicultura preventiva; restauración hidrolóxico-forestal; plans de defensa contra incendios forestais; estudos de impacto ambiental; elaboración de programas de manexo de áreas naturais protexidas; aproveitamentos do monte (landras, cogomelos, biomasa, silvopastoreo, plantas aromáticas e medicinais…).

Actividades de formación: interpretación ambiental-patrimonio; elaboración de publicacións; edición de material divulgativo; formación e sensibilización ambiental.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

As tres persoas socias traballadoras son: Carolina García López, enxeñeira técnica forestal; David Chapela Rodríguez, enxeñeiro de montes; e Anxos Riveiro Olveira, técnica en xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos e técnica en produción acuícola.

4. Cales son a filosofía e os valores da vosa cooperativa?

A nosa filosofía consiste en contribuír ao benestar social das comarcas de Muros, Noia, Barbanza e o Sar, coa premisa máxima da mellora continua da xestión forestal sostible e da multifuncionalidade para acadar un status organizativo e especializado en servizos forestais, ambientais e formativos no ámbito galego.

Os nosos valores baséanse na eficacia, a través dun equipo profesional capacitado para dar respostas de calidade aos servizos; no compromiso coa xestión forestal sostible, a multifuncionalidade e a mellora continua dos servizos; na conduta social e responsable coidando o benestar con vista ao futuro das xeracións vindeiras; na innovación continua dos modelos de xestión e implicación coas novidades do sector forestal; e no desenvolvemento local e arraigamento social, promovendo os produtos, usos e costumes da nosa contorna de traballo.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

Malia que acabamos de comezar a nosa andaina como cooperativa e á falta de elaborar o Plan de responsabilidade social empresarial, non é algo novo para nós o de contribuír dalgún xeito a mellorar a nosa contorna. De feito participamos dende hai uns anos de forma activa e altruísta na comunidade de montes da parroquia onde temos o domicilio social da cooperativa. Ademais de estar inmersos noutras asociacións de diferente índole.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Queremos chegar a ser unha cooperativa de referencia no sector forestal e medioambiental de Galicia, poñendo en práctica proxectos de innovación para unha xestión responsable, dinamizando as comunidades de montes veciñais en man común e sendo unha fonte formativa e informativa para todos os axentes involucrados no medio rural.

Nornas Hostel: un novo proxecto cooperativo

Abril 26, 2012 in cooperativismo, Nova cooperativa

O pasado venres 20 de abril celebrouse a festa de inauguración da cooperativa NORNAS HOSTEL, un albergue internacional localizado á beira do Miño no Concello de Gondomar. Trátase dun proxecto innovador de turismo sustentable e integrado no contorno local, orientado á oferta de servizos de aloxamento e lecer para turistas.

Ademais do aloxamento, o novo establecemento ofrece unha serie de servizos adicionais como wifi, cociña de uso libre, servizo de lavandaría, leira con horta ecolóxica, etc. Tamén organizan actividades socioculturais e formativas que permiten que as persoas aloxadas entren en contacto con proxectos e persoas do contorno.

Para coñecer mellor os servizos que NORNAS HOSTEL ofrece así como as actividades que promoven recomendámosvos que entredes na súa páxina web.

Ademais, podedes ampliar a información sobre o proxecto na reportaxe que lles fixeron esta fin de semana no Faro de Vigo.

Desde este blogue desexámoslles moita sorte ás persoas que forman parte deste novo proxecto cooperativo!!

Creative Commons License Nornas Hostel: un novo proxecto cooperativo is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.