Últimas prazas nos cursos gratuítos de UGACOTA nos centros da Rede Eusumo

Outubro 24, 2012 in cooperativismo, destacadas, Formación, Nova cooperativa

A Unión de Cooperativas de Traballo Asociado-Ugacota organiza cursos gratuítos dentro do marco da programación formativa da Rede Eusumo.

Levaranse a cabo dúas accións formativas nos Centros da Rede Eusumo da Fundación Terra de Trasancos (Narón, A Coruña) e da Caixa Rural Galega de Lugo.

CENTRO DA REDE EUSUMO NA FUNDACIÓN TERRA DE TRASANCOS – COOPERATIVA DO VAL
(Vilacornelle, s/n, Narón, A Coruña)
Obradoiro: COÑECENDO A MIÑA COOPERATIVA (Ver contidos)
Datas: 29 e 30 de outubro.
Horario: de 10:030 a 14:30hs.
Obxectivo: Revisar e actualizar os coñecementos cooperativos dos socios e socias. Lembrar que significa ser cooperativista. Dar a coñecer os recursos e ferramentas para mellorar o funcionamento da cooperativa.
Dirixido a: persoas socias de cooperativas

 

CENTRO DA REDE EUSUMO NA CAIXA RURAL GALEGA
(Praza Fonte dos Ranchos, 27, b, Lugo)
Obradoiro: PERSOAS QUE QUEREN EMPRENDER (Ver contidos)
Datas: do 5 ao 9 de Novembro
Horario: de 10:00 a 15:00hs.
Obxectivo: Achegar o modelo cooperativo á cidadanía. Mostrar as condicións e pasos a dar para emprender baixo a fórmula cooperativa. Contribuír a que estas persoas coñezan e valoren as cooperativas
Dirixido a: público en xeral.

Para máis información e inscricións nos obradoiros:

UGACOTA CORUÑA (Patane García Méndez)
Tf: 881 887 456 / 697 877 773
E-mail: patane@ugacota.coop
Toda a información na seguinte ligazón: http://ugacota.coop/rede-eusumo/ultimas-prazas-cursos-gratuitos-de-ugacota-nos-centros-da-rede-eusumo/

Aurora de Buxán

Xuño 19, 2012 in Consumo responsable, cooperativismo, destacadas, Nova cooperativa, Uncategorized

Retomamos a serie de entrevistas a cooperativas de creación recente coñecendo o proxecto de Aurora de Buxán. Se ben, como nos contan as persoas socias desta cooperativa, o xerme do proxecto naceu hai xa uns anos, constituíronse no ano 2011. Desexámoslle un longo e venturoso camiño á iniciativa que nos amosan e propoñen nesta interesante entrevista.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

Aínda que o “nacemento” de Aurora de Buxán S. Coop. Galega, tal e como pon no rexistro oficial de cooperativas, é o día 6 de maio do 2011, o proxecto “Aurora dos Camiños” ninguén sabe con certeza onde, cando nin por quen foi concibido. Deixando á marxe a hipótese de varias xéneses espontáneas e simultáneas no interior de moitas persoas de diversas procedencias, o que si aseguramos é que a xestación e maduración desta Aurora tivo lugar ao longo de varios anos, concretamente desde o 2005, nunha aldea case abandonada de nome Foncebadón, que se atopa nunha das cotas máis altas do Monte Irago, e pola que transcorre o Camiño a Santiago e tamén o Camiño ao Finis Terrae galego.

Alí coincidimos traballando, de xeito máis ou menos voluntario, unha serie de seres que compartíamos o soño de crear un novo mundo, transformando e mellorando o xa existente.

Despois de diversas experiencias xuntos, boas e non tan boas, e de moitas charlas-debate, hoxe diriamos asembleas, xurdiron as liñas mestras do proxecto. En outubro do 2010, separámonos case todos os que alí compartiramos, pois a cesión que tiñamos no albergue no que estabamos remataba. Desexámonos un “bo camiño” e démonos un forte abrazo. Pero tres de nós decidimos ir un pouquiño máis alá, “ultreia”, e marcamos un punto no mapa do Finis Terrae, Buxán.

Ao chegar a seguinte primavera nacería, como xa dixemos, Aurora de Buxán S. Coop. Galega.

2. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Hoxe en día somos as tres socias da constitución, dous socios a proba, outra que acaba de manifestar o seu desexo de estar tamén a proba e moitos simpatizantes da idea, ou persoas que se achegan a botarnos una man sen compromiso, porque lles gusta o que estamos a facer, aprenden algo, viven no rural, ou polo que sexa… A verdade é que o potencial de socios traballadores, ou socios doutras clases, que pode albergar o proxecto é elevado pero todo depende de como saibamos xerar economía e sustentabilidade, e da nosa destreza para convivir, entre nós e coa contorna, mantendo o optimismo aínda que o horizonte pareza estar turbio. E isto non é fácil. Hai pouco, unha benquerida persoa de todos nós que estaba en situación de proba e a piques de entrar como socio desanimouse e marchou do proxecto moi ao noso pesar. En fin… xa se verá o que está por vir.

3. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

Parece broma pero é ben certo que chegar ao parágrafo que pretendiamos que fose o obxecto social ou misión da cooperativa levou case sete anos. Sintetizar e transmitir a esencia do que se pretende, e expresalo en palabras, é coma unha tarefa case imposible. Aínda así, fixémolo e o resultado amosa tanto a nosa incapacidade de simplificar como o medo de que quedase fóra algo “importante”, pero é o que hai e estamos bastante satisfeitas do resultado.

E di así: “Aurora dos Camiños, albergue de peregrinos, lugar de convivencia, repouso e sanación” ten como misión a de propiciar, desde a sobriedade, a contorna favorable para a práctica do “aquí e agora”, da aceptación, do perdón, da meditación, do consumo responsable e consciente, dos hábitos saudables, e para desfrutar da vida sinxela, servicial e de entrega; por Amor e Gratitude”.

E a risa foi que pouco despois, a responsable do rexistro de cooperativas considerou que este parágrafo non podía ser o obxecto social da cooperativa, pois esa misión non era un traballo en si. E simplificou a cousa deixándoa como “albergue de peregrinos”.

Pero nós imos intentar que se recoñeza a orixinal pois, aínda que longa e imperfecta, reflicte mellor a nosa realidade.

4. A que vos dedicades?

Pois estamos centradas en varias cousas. Por un lado, temos o noso traballo interior que é o de poñer en práctica os principios da nosa misión. E ás veces non o facemos tan mal. E, por outro, estamos a rehabilitar un pouquiño o mosteiro de San Martiño de Ozón, xa que temos a súa cesión durante algúns anos. E como ten moita terra, tamén a estamos preparando para ter qué comer. E facemos diversa artesanía, experimentamos coas marmeladas e queixos (a ver se pronto nos saen ben,) e ofertamos algúns cursos de coñecemento compartido. Non somos mestres de nada pero sabemos algo de moitas cousas, como esgrima, ioga, meditación, guitarra, marquetería, chi kung… As variacións virán polas novas persoas que se apunten ao proxecto e polo que acheguen a el. Tamén os que marchen deixarán baleiros, pero éche o que hai… Todos levamos algo valioso para compartir e, se queremos facelo, o resultado é máxico.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

Pensamos que boa. Polo menos a nós gústanos todo o mundo ao noso redor.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Ver como podemos establecer vínculos e redes de cooperación coa nosa contorna, como podemos beneficiarnos todos de todos, ser máis felices. Queremos aprender a desfrutar xuntos dunha vida consciente… Pero vexo que outra vez corremos o risco de entrar nunha morea de ideas que chamarían delirios utópicos polo que as imos deixar para calquera outro momento, en San Martiño ou en Buxán… e centrémonos no que toca aquí e agora.

Así que, baixando a un contexto máis terreal, tan pronto como sexa posible e pode que xa sexa posible este setembro, imos construír unhas pequenas casiñas na parroquia de Buxán que complementarán o traballo que xa se está a facer desde San Martiño, ao tempo que proverán máis espazo para máis persoas ou socios. Quen sabe…

Coñecemos a Trespés

Maio 29, 2012 in cooperativismo, Nova cooperativa

Desta vez, imos achegarnos ao proxecto cooperativo Trespés Soc. Coop. Galega. Non é a primeira vez que falamos de Trespés xa que é a cooperativa que está por tras dun fermoso proxecto que contribuímos a difundir: En todas as mans. Imos coñecer un pouco máis este equipo multidisciplinar que elixiu o cooperativismo como fórmula empresarial para levar a cabo os seus proxectos.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

Como en non poucas ocasións a idea deste proxecto xorde en conversas informais. Cada unha das persoas integrantes do grupo promotor viña desenvolvendo a súa actividade profesional no ámbito laboral por conta allea. A través das nosas actividades profesionais detectamos carencias e oportunidades nos sectores onde estabamos a traballar. Sobre todo, percibimos un parcelamento entre os diferentes ámbitos do coñecemento que centran o noso proxecto, social, ambiental e cultural. Ao tempo, coincidiamos na vontade e necesidade de dotármonos dunha estrutura propia que nos permitira desenvolver proxectos que cubriran esas carencias das que falabamos antes.

A partir desta premisa inicial, fomos perfilando a idea até lindar as marxes dun proxecto que ten como marco a construción social, cultural e medio ambiental. Achamos que é a través da produción, a xestión e a consultaría-asesoría o mellor xeito de intervir nestes sectores.

2. A que vos dedicades?

Trespés Soc. Coop. Galega ofrece unha visión integral e multidisciplinar baseada nunha ampla experiencia nos sectores social, cultural e ambiental.

Combinamos e complementamos os diferentes ámbitos de traballo aplicando unha perspectiva cualitativa e fomentando a participación cidadá mediante metodoloxías flexíbeis a cada contexto.

Así, traballamos na consultaría e asesoría; na produción de contidos como exposicións, audiovisuais, publicacións; na dinamización e desenvolvemento local; na educación e formación; e na investigación básica e aplicada.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Facemos parte 3 persoas socias, Paulo Jablonski, licenciado e doutor en Antropoloxía, Tania Martínez, licenciada en Bioloxía e Alberte Román, licenciado en Xeografía. Esta diversidade de perfís incorpora unha visión poliédrica aos nosos proxectos.

4. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

A cooperativa ten por obxecto a prestación do traballo das persoas socias para a produción en común de bens e servizos para terceiros.

É obxecto social da nosa cooperativa ofrecer unha carta de servizos diversificada nos ámbitos do social, cultural e medio­ambiental que contribúan á mellora da sociedade. Apostamos polo espallamento dos principios e prácticas da economía social impulsando o modelo cooperativo, mediante o estímulo do auto­emprego.

En parte debido a esta motivación, levar ao plano laboral a transformación social, Trespés iniciou o procedemento para se transformar nunha cooperativa de iniciativa social sen fins lucrativos.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

Cada unha das socias da cooperativa participa en diferentes movementos sociais na medida das súas afinidades, vontades e posibilidades. Cada unha ao seu xeito estamos presentes en asociacións polo consumo responsábel, asociacionismo cultural e político. Entendemos a participación social e o ámbito cooperativo como un continuo. Levamos o activismo á cooperativa e o cooperativismo ao activismo.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

É vontade da cooperativa poder desenvolver por nós propios aqueles proxectos que achamos necesarios, en grande medida sermos unha cooperativa de iniciativa social vainos permitir avanzar nesta liña. Nesta altura, entre outros proxectos, estamos inmersos na produción dun documental centrado nos montes veciñais en mancomún, que se titula “En todas as mans”. Entendemos que o mundo do veciñal non está o suficientemente visibilizado na realidade social do país, sendo como é un elemento que caracteriza o 25 % do territorio galego. Nestes momentos estamos en fase de pre­produción, á procura de financiamento e planificando a gravación. Entre outras particularidades, “En todas as mans” é o primeiro documental galego en utilizar estratexias de  financiamento colaborativo.

27113 Comuna

Maio 21, 2012 in Consumo responsable, cooperativismo, destacadas, Economía social, Nova cooperativa

Desta vez, imos coñecer a 27113 Comuna, un proxecto cooperativo innovador e, ao mesmo tempo, profundamente vinculado coa revitalización do rural.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

27113 Comuna, S. Coop constitúese en febreiro do 2011 en Cancio, no Concello de Negueira de Muñiz. Este concello é o menos poboado de Galiza, pertence á Rede Natura 2000 e está situado na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, ao tempo que constitúe un dos principais núcleos de poboación de residentes neorrurais da Galiza. É por isto que o lugar garante as condicións mínimas para establecer as bases deste proxecto en concordancia co seu espírito e proporciona o impulso definitivo para iniciar o proxecto cooperativo.

Por outra parte, as socias teñen unha longa traxectoria en proxectos cooperativos e asociativos e coincidiran xa noutras ocasións. Este feito facilita a confianza mutua para levar a cabo o proxecto.

Os motivos para emprender o proxecto son: a necesidade de traballo estable remunerado e continuidade profesional; a necesidade de compaxinar e xuntar baixo un só proxecto o compromiso social, a vida no campo e o traballo remunerado.

2. A que vos dedicades?

Á xestión dun local multiservizos rural no que se desenvolven as seguintes actividades:

 1. Tenda ou comercio polo miúdo de produtos de alimentación e de fogar procedentes da agricultura ecolóxica e o comercio xusto e de produtos locais.

2. Servizo hostaleiro de restaurante (casa de comidas) con zona de barra-bar.

3. Servizo de Internet, información turística e venda de artesanía da zona.

4. Organización e realización de actividades de turismo cultural e rural, fomento do cooperativismo, formación para a vida no campo, educación medioambiental…

5. Xestión dunha aula da natureza e xardín forestal comestible e sensitivo con acceso a persoas discapacitadas.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Actualmente somos tres socias traballadoras. Neste verán incorporarase unha socia máis.

4. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

O apoio mutuo, a autoxestión, a economía social e sostible, a responsabilidade, a profesionalización.

Os nosos obxectivos sociais son:

1. A mellora medioambiental, a través do fomento da agricultura ecolóxica, a silvicultura social e sostible e o coidado e protección do monte, da súa fauna e flora.

2. A protección dos animais e o fomento dos seus dereitos como seres que senten.

3. O fomento do consumo consciente, que se potenciará principalmente a través da política de compra-venda dos produtos que comercializará a cooperativa nas súas instalacións (tenda e bar-restaurante).

4. A integración de colectivos sociais con maiores dificultades, como minusválidas/os, persoas en risco de exclusión social, inmigrantes, paradas/os de longa duración… e a loita contra a pobreza e situacións de especial necesidade.

5. O fomento da economía social.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

A historia recente de Negueira de Muñiz está marcada por dous acontecementos: a construción do encoro do Salime nos anos 60 e a creación da Comuna de Foxo no ano 1977. A Comuna de Foxo inspirou aos promotores para darlles nome a este proxecto cooperativo.

Actualmente, o colectivo rural é moito menos numeroso que entón, pero continúan no lugar moitas familias con fillos e ata netos. A poboación neorrural é moi nova de media e constitúe o colectivo máis novo do rural galego actualmente. A nosa cooperativa interactúa con este colectivo e co resto do rural achegando formación para a creación de cooperativas, fomentando e formando para o autoemprego en xeral, achegando servizos e xerando economía local a través da contratación de persoal e servizos e a través da compra dos produtos de horta, artesanía… para a tenda e o restaurante.

Actualmente, estase traballando co empresariado local para crear unha asociación de empresarios.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Temos varios proxectos futuros:

Consolidar as actividades actuais.

Crear novos postos de traballo relacionados coa xestión e a formación medioambiental.

Crear novos espazos de xardín forestal e produción ecolóxica.

Investigar e fomentar usos sostibles do monte distintos dos madeireiros.

Ampliar os servizos para persoas discapacitadas, enfermas ou na última fase da vida.

Como vedes, é un fermoso proxecto para o que desexamos longa e intensa vida!

Profit asesores, cooperativa de nova creación

Maio 21, 2012 in cooperativismo, Nova cooperativa, Uncategorized

PROFIT ASESORES é unha cooperativa de traballo asociado de nova creación nacida en 2011 e localizada en Vigo. Para coñecer este novo proxecto falamos con Rosana Fernández, unha das catro socias que conforman a cooperativa.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

En tempos de crise estabamos pensando nunha iniciativa emprendedora para desenvolver a nosa actividade e criamos que a fórmula da cooperativa era a que mellor se axustaba ás nosas necesidades.

2. A que vos dedicades?

Os nosos servizos son o asesoramento empresarial en contabilidade, fiscal e laboral tanto para empresas como para autónomos.

3. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

A nosa filosofía é darlle un servizo proactivo aos clientes, ser un máis do seu cadro de persoal e involucrarnos activamente na toma de decisións do órgano de administración. Os valores son a responsabilidade, a proactividade, a formación continua e a atención particularizada.

4. Que proxectos tedes para o futuro?

O proxecto é consolidar o negocio nesta época de crise para, nun futuro, estar en condicións de crecer.

Podedes atopar a Profit Asesores no número 14 de Marqués de Valladares, en Vigo. Moita sorte!

Creative Commons License Profit asesores, cooperativa de nova creación is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.