Un 17 de abril para o espírito da Economía Social

Abril 17, 2012 in cooperativismo, Economía social, Formación

Hoxe, 17 de abril, celébrase unha xornada de sensibilización sobre o fomento do espírito emprendedor da economía social desde a universidade estatal. A xornada está organizada conxuntamente pola Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES) e a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE).

No marco desta xornada, CEPES e CRUE asinarán un convenio para o fomento desde as universidades estatais do emprendemento en economía social. Con este acordo, preténdese que as universidades, como axentes innovadores e motor do crecemento económico do seu contorno social, impulsen a cultura e o espírito emprendedor da economía social, mediante o desenvolvemento de investigacións e a xeración de actividades ligadas ao emprendemento.

Novas tecnoloxías e cooperativismo

Marzo 8, 2012 in cooperativismo, Formación

Nas próximas semanas vaise desenvolver o seminario As novas tecnoloxías e cooperativismo: ferramentas que facilitan a súa aplicación.

Esta iniciativa da Rede Eusumo pretende mostrar unha visión xeral das ferramentas e servizos que poden facilitar a aplicación das novas tecnoloxías no cooperativismo.
Por outra parte, tamén se facilitará unha visión introdutoria ás aplicacións que permitan unha mellora da organización e as vantaxes de ter un espazo propio na rede.

Datas e lugares de realización:

  • 19 de marzo de 2012. Centro de Desenvolvemento Cooperativo Transfronteirizo de Verín
  • 21 de marzo de 2012. Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Lugo
  • 22 de marzo de 2012. Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Narón
  • 23 de marzo de 2012. Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Razamonde

Para realizar a inscrición, podedes chamar aos teléfonos 986 020 899 ou 678 759 079 ou enviar un correo electrónico a teresa.rivas@ardoraformacion.com

Imaxe destacada: Ilco

Encontro OFF Internacional Economía e Cultura

Febreiro 16, 2012 in cooperativismo, Economía social, Formación

O IV Encontro Off vaise desenvolver os días 16 e o 17 de febreiro en Santiago de Compostela. Nel, a comunidade Off dá resposta, a xeito de espello, á celebración do Encontro Internacional de Economía e Cultura que nas mesmas datas terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

Os encontros Off son unha proposta de acción directa no eido da programación cultural e a acción artística galega, que xorde de xeito colectivo integrando diferentes axentes procedentes das artes plásticas, as artes escénicas, o mundo editorial e o mundo audiovisual en Galicia.

Ao longo destas dúas xornadas estudarase a viabilidade doutras economías posibles, o uso de moedas alternativas ou a aplicación de fórmulas cooperativas no ámbito cultural. Ademais de coñecer experiencias e iniciativas doutros campos e outros contextos, dedicarase un tempo e un espazo para a presentación de proxectos, ideas, etc. aberto a todas as persoas que participen. Seguirase o encontro oficial (streaming) e ensaiarase, dunha forma lúdica, a viabilidade dun Fondo de Investimento Cooperativo.

O Encontro Off terá lugar en Baleiro, canle de produción, espazo anexo á Facultade de Filoloxía da USC. Podedes ver o programa completo e actualizado na wiki dos encontros Off.

Curso sobre cooperativismo

Febreiro 15, 2012 in cooperativismo, Formación, Uncategorized

O próximo 28 de febreiro comeza un Curso de Formación en Cooperativismo para Estudantes e Titulados Universitarios. Este curso gratuíto enmárcase nun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e as asociacións de cooperativas: Agaca, Ugacota e Sinerxia.

Rematará o 25 de marzo e durará 42 h, distribuídas entre 19 h presenciais, 8 h de prácticas e 8 h de visitas e análise de experiencias reais.

A inscrición está aberta ata o 23 de febreiro de 2012 pero convén facelo canto antes xa que a admisión terá en conta, ademais do expediente académico, a orde de chegada. O número máximo de prazas será de 36 alumnos e alumnas.

Ao rematar o curso, realizarase a convocatoria pública de 3 contratos laborais dun ano de duración para a formación como técnicos no asesoramento e xestión de proxectos cooperativos. A asistencia con aproveitamento ao curso contará como mérito relevante no concurso.

Podedes ampliar a información na ficha descargable sobre o curso.

Imaxe destacada: Srbichara

Xornadas informativa sobre as axudas ao cooperativismo

Xaneiro 31, 2012 in cooperativismo, Economía social, Formación, Uncategorized

Como xa comentamos a semana pasada, acaba de publicarse a convocatoria de axudas relacionadas coas actividades de promoción e fomento do cooperativismo, fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, e programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo.

En relación con isto, a Consellería de Traballo e Benestar convoca para o día 9 de febreiro do 2012, unha xornada informativa sobre estas axudas na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela, na Rúa de Madrid, 2-4. A xornada comezará ás 10:30 horas.

Para inscribirse, é preciso contactar no enderezo electrónico redeeusumo.ctb@xunta.es ou no teléfono 981 534 601, ata o día 6 de febreiro.

Na xornada tamén se fará unha breve exposición dos proxectos REDE EUSUMO e o proxecto COOPERA+.

Imaxe destacada: Prof

Creative Commons License Xornadas informativa sobre as axudas ao cooperativismo is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.