27113 Comuna

Maio 21, 2012 in Consumo responsable, cooperativismo, destacadas, Economía social, Nova cooperativa

Desta vez, imos coñecer a 27113 Comuna, un proxecto cooperativo innovador e, ao mesmo tempo, profundamente vinculado coa revitalización do rural.

1. Cando e como nace o voso proxecto cooperativo?

27113 Comuna, S. Coop constitúese en febreiro do 2011 en Cancio, no Concello de Negueira de Muñiz. Este concello é o menos poboado de Galiza, pertence á Rede Natura 2000 e está situado na Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, ao tempo que constitúe un dos principais núcleos de poboación de residentes neorrurais da Galiza. É por isto que o lugar garante as condicións mínimas para establecer as bases deste proxecto en concordancia co seu espírito e proporciona o impulso definitivo para iniciar o proxecto cooperativo.

Por outra parte, as socias teñen unha longa traxectoria en proxectos cooperativos e asociativos e coincidiran xa noutras ocasións. Este feito facilita a confianza mutua para levar a cabo o proxecto.

Os motivos para emprender o proxecto son: a necesidade de traballo estable remunerado e continuidade profesional; a necesidade de compaxinar e xuntar baixo un só proxecto o compromiso social, a vida no campo e o traballo remunerado.

2. A que vos dedicades?

Á xestión dun local multiservizos rural no que se desenvolven as seguintes actividades:

 1. Tenda ou comercio polo miúdo de produtos de alimentación e de fogar procedentes da agricultura ecolóxica e o comercio xusto e de produtos locais.

2. Servizo hostaleiro de restaurante (casa de comidas) con zona de barra-bar.

3. Servizo de Internet, información turística e venda de artesanía da zona.

4. Organización e realización de actividades de turismo cultural e rural, fomento do cooperativismo, formación para a vida no campo, educación medioambiental…

5. Xestión dunha aula da natureza e xardín forestal comestible e sensitivo con acceso a persoas discapacitadas.

3. Cantas persoas conforman a cooperativa?

Actualmente somos tres socias traballadoras. Neste verán incorporarase unha socia máis.

4. Cales son a filosofía e os valores da cooperativa?

O apoio mutuo, a autoxestión, a economía social e sostible, a responsabilidade, a profesionalización.

Os nosos obxectivos sociais son:

1. A mellora medioambiental, a través do fomento da agricultura ecolóxica, a silvicultura social e sostible e o coidado e protección do monte, da súa fauna e flora.

2. A protección dos animais e o fomento dos seus dereitos como seres que senten.

3. O fomento do consumo consciente, que se potenciará principalmente a través da política de compra-venda dos produtos que comercializará a cooperativa nas súas instalacións (tenda e bar-restaurante).

4. A integración de colectivos sociais con maiores dificultades, como minusválidas/os, persoas en risco de exclusión social, inmigrantes, paradas/os de longa duración… e a loita contra a pobreza e situacións de especial necesidade.

5. O fomento da economía social.

5. Cal é a vosa relación coa contorna local?

A historia recente de Negueira de Muñiz está marcada por dous acontecementos: a construción do encoro do Salime nos anos 60 e a creación da Comuna de Foxo no ano 1977. A Comuna de Foxo inspirou aos promotores para darlles nome a este proxecto cooperativo.

Actualmente, o colectivo rural é moito menos numeroso que entón, pero continúan no lugar moitas familias con fillos e ata netos. A poboación neorrural é moi nova de media e constitúe o colectivo máis novo do rural galego actualmente. A nosa cooperativa interactúa con este colectivo e co resto do rural achegando formación para a creación de cooperativas, fomentando e formando para o autoemprego en xeral, achegando servizos e xerando economía local a través da contratación de persoal e servizos e a través da compra dos produtos de horta, artesanía… para a tenda e o restaurante.

Actualmente, estase traballando co empresariado local para crear unha asociación de empresarios.

6. Que proxectos tedes para o futuro?

Temos varios proxectos futuros:

Consolidar as actividades actuais.

Crear novos postos de traballo relacionados coa xestión e a formación medioambiental.

Crear novos espazos de xardín forestal e produción ecolóxica.

Investigar e fomentar usos sostibles do monte distintos dos madeireiros.

Ampliar os servizos para persoas discapacitadas, enfermas ou na última fase da vida.

Como vedes, é un fermoso proxecto para o que desexamos longa e intensa vida!

O cooperativismo avanza en Galicia a pesar da crise

Maio 8, 2012 in cooperativismo, destacadas, Informes, Uncategorized

O Plan Estratéxico para Cooperativas elaborado pola Consellería de Traballo e Benestar foi aprobado en 2008. Entre os obxectivos máis importantes destacaba o impulso á creación de novas cooperativas e o incremento do número de persoas asociadas. Neste sentido, en 2011 creáronse 48 novas cooperativas mentres que o número de novas persoas asociadas aproximouse a 1400. Esta última cifra duplica a cifra acadada en 2009 e mantén o número rexistrado en 2010.

Neste momento, existen actualmente en Galicia 1150 cooperativas, as cales sosteñen por volta duns 20.000 empregos na comunidade autónoma. Desde 2009, e a pesar da crise, o número de cooperativas e persoas asociadas continua a medrar considerablemente.

Desde este blogue queremos facer a nosa pequena achega para difundir os novos proxectos cooperativos xurdidos nos últimos tempos. Por iso, na próxima publicación iniciaremos unha serie de entrevistas para dar a coñecer as cooperativas de creación recente.

E, por suposto, desexámoslles moita sorte a todos os novos proxectos cooperativos que veñen enriquecer o noso tecido social e laboral!

Cooperativismo e gastronomía

Xaneiro 25, 2012 in Consumo responsable, cooperativismo, destacadas, Formación

O venres 3 de febreiro arranca o II Programa Cooperativismo e Gastronomía, organizado por Ardora Formación y Servicios, S. Coop. Galega, ao abeiro do programa de actividades de fomento do cooperativismo promovido pola Consellería de Traballo e Benestar.

O Programa Cooperativismo e Gastronomía comezou no curso 2010-2011 e estase desenvolvendo en Centros Educativos e Escolas que imparten os ciclos formativos da Familia Profesional de Hostalaría. O primeiro centro participante nesta segunda edición é o IES Sanxillao, de Lugo.

Os obxectivos do programa son:

  • Difundir o cooperativismo como fórmula de autoemprego para os futuros profesionais do sector da hostalaría e restauración.

    cooperativismo e gastronomía

    Xornadas no IES Fraga do Eume

  • Dar a coñecer a estrutura da rede cooperativa na nosa comunidade autónoma: entidades, recursos e portais de referencia do cooperativismo de traballo en Galicia.
  • Divulgar experiencias de traballo cooperativo exitosas.
  • Crear unha rede de contactos entre as cooperativas de produtos alimentarios e os seus futuros potenciais clientes, asentando as bases para futuras experiencias de intercooperación.
  • Achegar dunha forma participativa aos futuros profesionais da cociña o mundo dos produtos cooperativos de Galicia para:

Facilitar o coñecemento directo da oferta existente e o valor comercial destes produtos.

Potenciar a diferenciación dos produtos e a identificación das súas principais calidades dende o punto de vista gastronómico.

Fomentar o seu uso na cociña profesional.

As actividades desenvólvense en dous bloques sucesivos e complementarios: unha xornada de fomento do cooperativismo con relatorios, paneis de experiencias e charlas coloquio, e un obradoiro composto por bodegón-exposición de produtos cooperativos e unha degustación guiada. Ademais, realizarase a presentación da exposición gráfica Camiñando cara ao cooperativismo, que realizará un percorrido itinerante por todos os centros participantes.

A cooperativa Ardora e a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado UGACOTA ocúpanse da parte formativa, mentres que as cooperativas Frugal, Equisol, Como Cabras, Milhulloa, Promundos e Máis Galicia dan a coñecer a súa experiencia e os seus produtos.

Se queredes obter máis información, podedes dirixirvos ao correo ardora@ardoraformacion.com

Imaxe destacada: CMSeter

Axudas 2012 de cooperativismo e economía social

Xaneiro 24, 2012 in cooperativismo, destacadas, Economía social

Veñen de publicarse as ordes de axudas para as cooperativas e empresas de economía social de Galicia, da Consellaría de Traballo e Benestar para o ano 2012; podedes ler as ordes nas ligazóns que anexamos.

Convocadas axudas para o fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012:
Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se procede á convocatoria de axudas dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo para o ano 2012.

Convocadas axudas para o fomento e a consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2012:
Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para el año 2012.

Convocadas axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo para o ano 2012:
Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012.

Imaxe destacada: Irum

En todas as mans

Xaneiro 23, 2012 in cooperativismo, destacadas, Uncategorized

Cando foi a última vez que fuches ao monte?

Seguramente coñeces as Fragas do Eume, o Courel, o Xurés… mais ao noso redor existe unha realidade máis ampla á que nos últimos anos lle fomos virando as costas.

Hoxe queremos achegarnos a esta realidade a través dun dos aspectos máis valiosos e interesante para a patrimonio cultural e produtivo galego. A cooperativa Trespés está preparando un documental, “En todas as mans”, centrado na realidade dos montes en mancomún.

Este documental mostra esta forma de titularidade mancomunada, asentada nunha concepción colectiva do territorio, e sinala as súas potencialidades para a xestión e custodia do territorio próximo. Na actualidade, este modelo existe no territorio galego e no norte de Portugal. Galiza conta con aproximadamente 3000 comunidades de montes en mancomún, que xestionan preto de 700.000 ha de territorio galego, o 29,85 % da superficie forestal.

Como podedes ver no adianto dispoñible, o proxecto incorpora voces dos comuneiros e comuneiras e do ámbito académico para construír, así, unha reflexión colectiva sobre o monte en mancomún e o seu futuro.

Nestes momentos o proxecto está en fase de preprodución. A cooperativa Trespés busca financiamento que faga posible a gravación; para iso, están a desenvolver unha estratexia de financiamento colaborativo, o chamado crowdfunding. Este sistema basease en micro-achegas económicas por parte de persoas ou entidades. Se tes interese en colaborar co documental, podes informarte na páxina web do proxecto.

Podemos seguir todas as novas relacionadas con este fermoso proxecto na súa páxina de Facebook.

En todas as mans. from trespes on Vimeo.

Imaxe destacada: Bvhbv1

Creative Commons License En todas as mans is licensed by coopMunicando under a Creative Commons Attribution-Noncommercial-Share Alike 3.0 United States License.