A economía social, obxecto de estudo e investigación

Abril 19, 2012 in cooperativismo, Economía social, Uncategorized

A importancia e magnitude da economía social e o cooperativismo no Estado converteu esta temática nun obxecto de estudo e investigación tanto para o mundo universitario como para diferentes entidades e centros de estudo especializados.

No Estado español existe unha mesta rede de revistas, organismos, arquivos, institutos universitarios, observatorios, etc. que centran a súa actividade no estudo, análise e investigación sobre a economía social e o cooperativismo. Ademais, en moitas universidades españolas, a economía social ten unha presenza cada vez maior nos estudos de terceiro ciclo e posgrao. Con estas liñas iniciamos unha pequena serie de artigos nos que imos presentar as distintas iniciativas de estudo e investigación da economía social e cooperativismo.

Entre as diferentes entidades que se dedican ao estudo do cooperativismo no Estado, debemos destacar, en primeiro lugar, os observatorios da economía social. En España, operan actualmente dous observatorios; en primeiro lugar temos o Observatorio Español da Economía Social (OEES). Segundo o propio OEES, os seus obxectivos focalízanse “na captación de datos dispersos, sistematización e difusión destes no contorno, avaliación das políticas públicas e impacto da economía social na solución de problemas económicos e de significación social”.

O Observatorio realiza un seguimento constante, entre outros, dos seguintes indicadores:

  • Datos económico-financeiros das empresas e entidades da economía social.
  • Datos socio-laborais, de inserción de discapacitados e persoas desfavorecidas, de igualdade entre homes e mulleres, de incorporación da mocidade ao mercado de traballo e outros.
  • Outros datos macro e microeconómicos.

Cuns obxectivos similares naceu o Observatorio Iberoamericano del Empleo y la Economía Social y Cooperativa, OIBESCOOP; creouse no seo do Instituto Universitario de Economía Social e Cooperativa IUDESCOOP da Universitat de València e coa colaboración de CIRIEC España e a Fundación Iberoamericana de Economía Social (FUNDIBES).