Mulleres e cooperativismo

Febreiro 6, 2012 in cooperativismo

A finais do pasado ano, editouse o número 13 da publicación anual, Mujeres y cooperativismo, promovida por COCETA (Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado).

Este número edítase nun momento social moi difícil: os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do Instituto Nacional de Estatística indican que a taxa de paro feminino subiu en 282.200 mulleres. Neste momento, a taxa de paro feminina está no 23,32% mentres que a masculina é do 22,46.

Alén destes datos tan dramáticos, outros estudos advirten que as mulleres perciben un salario inferior ao dos homes polo mesmo traballo e que sofren as consecuencias da dobre ou tripla xornada laboral, produto da falta de políticas de conciliación laboral, familiar e persoal.

Neste contexto, CuadernosMujer13 analiza a través dun amplo abano de artigos, noticias e experiencias, a realidade específica da muller e destaca os valores que a figura empresarial da cooperativa de traballo representa para o seu desenvolvemento persoal e laboral. A cooperativa de traballo axuda a diminuír a fenda de xénero nas empresas.

Entre estas contribucións, destaca a presenza da Unión Galega de Cooperativas de Traballo UGACOTA, colaborando co artigo “Formando a mulleres para crear cooperativas e acceder a cargos directivos” onde se describen as actuacións que realiza para promover o papel da muller nas cooperativas e formar mulleres emprendedoras no cooperativismo.