Encontro OFF Internacional Economía e Cultura

Febreiro 16, 2012 in cooperativismo, Economía social, Formación

O IV Encontro Off vaise desenvolver os días 16 e o 17 de febreiro en Santiago de Compostela. Nel, a comunidade Off dá resposta, a xeito de espello, á celebración do Encontro Internacional de Economía e Cultura que nas mesmas datas terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

Os encontros Off son unha proposta de acción directa no eido da programación cultural e a acción artística galega, que xorde de xeito colectivo integrando diferentes axentes procedentes das artes plásticas, as artes escénicas, o mundo editorial e o mundo audiovisual en Galicia.

Ao longo destas dúas xornadas estudarase a viabilidade doutras economías posibles, o uso de moedas alternativas ou a aplicación de fórmulas cooperativas no ámbito cultural. Ademais de coñecer experiencias e iniciativas doutros campos e outros contextos, dedicarase un tempo e un espazo para a presentación de proxectos, ideas, etc. aberto a todas as persoas que participen. Seguirase o encontro oficial (streaming) e ensaiarase, dunha forma lúdica, a viabilidade dun Fondo de Investimento Cooperativo.

O Encontro Off terá lugar en Baleiro, canle de produción, espazo anexo á Facultade de Filoloxía da USC. Podedes ver o programa completo e actualizado na wiki dos encontros Off.