Un mercado para consumir mellor

Decembro 21, 2011 in Consumo responsable, Economía social

Para consumir sen nos consumir. Baixo este lema, sete colectivos proporannos ideas prácticas para un consumo máis consciente o próximo xoves, 22. Os colectivos A Gentalha do Pichel, ADEGA, Amarante, Equisol, a Federación Ecoloxista Galega, Panxea e Verdegaia, levan á Praza do Toural (Compostela) ideas prácticas para un consumo responsable.

Nesta campaña, os colectivos promotores fan un chamamento á responsabilidade diante do consumismo e as necesidades artificiais que se poñen de manifesto nestas datas. Por iso, neste mercado, non só poderemos facer compras, tamén nos achegaremos a outro xeito de consumir que respecte as persoas e o medio.

Ao longo desta xornada, a partir das 12 h, poderemos aprender a facer xoguetes con materiais de refugallo, perfumería e cosméticos naturais… Tamén haberá  unha xornada de troco, mostra de produtos e degustación de comercio xusto e moita información sobre a pegada ecolóxica e social dos nosos hábitos de consumo… Ademais, quen se achegue até o Toural tamén coñecerá o labor de movementos alternativos integrados por cooperativas vinculadas ao comercio xusto ou á agricultura ecolóxica.