Cantas cooperativas existen en Galicia?

Novembro 18, 2011 in cooperativismo

En 2010 existían en Galicia 872 cooperativas, segundo datos do Informe anual da Economía Social Española 2010-2011 elaborado por CEPES. Isto supón que o cooperativismo galego representa un  3,85% do total do conxunto do Estado. Galicia é a novena comunidade autónoma en número de cooperativas.

A vitalidade do cooperativismo podemos medila tamén no número de persoas ocupadas en empresas de Economía Social: nese mesmo ano, 2010, traballaban nas cooperativas galegas 8243 persoas.

Entre os anos 2004 e 2009 creáronse en Galicia 236 novas cooperativas, o que supón unha media de 40 cooperativas por ano, segundo datos do Observatorio español da Economía Social. Estas 236 cooperativas comezaron cun total de 5523 persoas socias, o que supón unha media de 920 novas cooperativistas por ano. Das 40 cooperativas creadas en 2009, 17 foron de traballo asociado, 2 de consumo e usuarios, 4 de vivenda, 8 agrarias e 5 de transporte. Estas cifras ofrecen un balance positivo xa que mostran que o cooperativismo é unha alternativa eficaz para o fomento de iniciativas empresariais, do autoemprego e das asociacións produtivas e de consumo.

Non obstante, para coñecer mellor o estado do cooperativismo galego podes consultar o Informe de Síntese do Cooperativismo Galego de 2007. A pesar de ser o informe máis actualizado que existe aplicado só ao ámbito galego, temos que ter en conta que a realidade económica mudou nos últimos anos de maneira importante, especialmente desde o inicio da crise económica, feito que tamén influíu no cooperativismo.

Porén, cómpre lembrar os datos alentadores que se achegaron no artigo “As cooperativas resisten mellor a crise”  publicado neste blogue e que, en liñas xerais, apunta a un comportamento positivo das cooperativas fronte á crise.

Imaxe: tanya_b