As cooperativas resisten mellor a crise
Novembro 7, 2011 in cooperativismo, Informes
Un informe de ámbito internacional elaborado por CICOPA vén de poñer de manifesto unha vez máis que as cooperativas resisten mellor a crise en termos de emprego e sustentabilidade empresarial.
En grandes liñas e con carácter xeral, o informe afirma que a situación económica global das cooperativas (no que atinxe ás vendas e á produción), despois dun período de estancamento, semella iniciar novos vieiros de recuperación.
Por outra parte, en países de forte implantación cooperativa (Italia, España, Francia) a perda de emprego cooperativo ten un impacto máis feble en comparación coas empresas convencionais. Resulta especialmente importante o dato achegado por COCETA, segundo o cal no ano 2010 o emprego aumentou nun 0,2% entre as súas cooperativas de traballo asociado. Pode parecernos un aumento insignificante, pero trátase dun dato que debe ser lido á luz dos espectaculares datos de destrución de emprego nas empresas convencionais de moitos sectores económicos.
Ademais, o informe reflicto que o peche de cooperativas está máis estendido nos países de Europa Central e do Leste ao contrario do que acontece nos países de Europa Occidental de forte implantación cooperativa.
Un dos elementos desfavorables do informe radica no acceso aos recursos financeiros e nos problemas de débeda. O informe constata actitudes desfavorables dos bancos e das caixas e de condicións de acceso restritivas cando se solicitan créditos e préstamos. Neste sentido, as cooperativas mesmo terían máis dificultades que as empresas convencionais.
Podes consultar o informe completo no apartado “Destacados” da páxina do Observatorio Español da Economía Social.





