Que é a economía social?

Outubro 26, 2011 in cooperativismo, destacadas, Economía social

Como primeiro chanzo, parécenos oportuno definir varios conceptos, ás veces, interpretados de xeito difuso. Ultimamente, escoitamos falar a miúdo sobre a Economía Social, mais… a que nos referimos?

En primeiro lugar cómpre destacar que a Economía Social baséase nun modelo de economía diferenciado. Neste modelo alternativo enténdese a riqueza como a capacidade de satisfacer as necesidades humanas. Esta visión oponse ao modelo de economía máis estendido, onde a finalidade última oriéntase cara á maximización do capital e á súa acumulación. Achega, pois, un modelo contraposto que busca crear fórmulas de desenvolvemento económico máis xustas, equilibradas e harmonizadas coas necesidades e aspiracións das persoas.

Pero en que se materializa esta concepción da que parte a economía social? Pois ben, cando empregamos o termo Economía Social estamos a referirnos ao conxunto daquelas organizacións de persoas produtoras, consumidoras, aforradoras, traballadoras… que actúan baseándose neste modelo. Loxicamente, estas entidades que se crean ao redor da Economía Social apóianse nunha serie de principios como a democracia nas decisións, a igualdade de dereitos e deberes das persoas, a autonomía na xestión e, sobre todo, na importancia da persoa sobre o capital.

Neste contexto, observamos a gran contribución que achegan estes proxectos á sociedade, que hoxe encontra, en moitos casos, o seu futuro condicionado polos movementos dunha economía demasiado afastada da xente.